Sarria vibrará esta noite con Sidonie e máis grupos musicais como parte do San Xoán 2025

SarriaXa
As celebracións concluirán o mércores 25, Día dos Nenos, cunha xornada dedicada aos máis pequenos
San-Xoán-Sarria-2024
21 Jun 2025

Centos de persoas xa desfrutan das esperadas Festas de San Xoán de Sarria, que se celebran ata o vindeiro 25 de xuño con diversas propostas para toda a veciñanza e persoas interesadas.

Despois da inauguración das festas patronais este venres 20 co pregón de Jesús Pato Mourelos e o lanzamento do foguete, así como as actuacións musicais da Coral Polifónica do Concello de Sarria, a Banda de Música de Sarria, Os Clarisaxos, a Asociación Cultural Meigas e Trasgos e a Asociación Cultural Peleriños; e as orquestras Miramar e Panorama City, esta fin de semana continúa a festa.

Este sábado 21 a xornada iniciará a actividade ás 18:00 horas na praza da Vila cun festival infantil, no que terá lugar a actuación de Trémola Teatro, pero tamén haberá globoflexia, música, bailes, taller de tinta máxica e de marcapáxinas.

Esta tarde ás 19:30 horas, o mago Roberto Lolo encherá as rúas de maxia coa súa ‘Hora máxica’, mentres que os Gaiteiros de Goián e a Louband serán parte dos pasarrúas da tarde.

Xa á noite, o campo de rugby celebrarase o Vibraxoán, comezando coa Louband, ás 22.00 horas con Sound Sisters, ás 23.30 horas chegará o grupo de indie Sidonie e, para rematar a noite, a Duendeneta DJ Set estará desde as 01.00 horas enchendo de música a vila de Sarria.

A programación do domingo 22 continuará coa sesión vermú que ofrecerá Duendeneta na confluencia da rúa da Liberdade con José Sánchez Aria, animada polos pasarrúas dos grupos Pampónigas, Peleriños e a Banda Comarcal. O broche final da xornada virá da man das orquestras Los Players e New York, que actuarán a partir das 21:30 horas no Campo de Rugby.

O luns 23, pola tarde, a Charanga Paradela e a Asociación Cultural Meigas e Trasgos encherán de música e ambiente as rúas, abrindo o camiño para a noite máis emblemática do ano. Ás 21:30 comezará unha pancetada popular no Campo da Feira, con chourizos e liscos para todos os asistentes. Como vén sendo habitual, o grupo Eoas subirá ao escenario ás 23:00 horas, coincidindo coa celebración da tradicional 53ª queimada popular. Ás 00:00 acenderase a Fogueira de San Xoán no Campo da Feira, acompañada polo vibrante espectáculo Correfoc a cargo de Dimonis de la Plana. A verbena continuará no Campo de Rugby coa música da orquestra Finisterre desde as 00:30.

O martes 24 arrancará coa actuación da Banda de Música de Sarria percorrendo as rúas, seguida pola recepción oficial das autoridades na Casa do Concello ás 11:30. Ás 11:55 terá lugar o repenique das campás na Igrexa de Santa Mariña, preludio da Misa Maior das 12:00, que contará coa interpretación da Coral Polifónica do Concello de Sarria. A continuación celebrarase a procesión, coa Banda Municipal acompañando o percorrido habitual. Xa pola tarde, os grupos Louband e Batukda dinamizarán os pasarrúas, e pola noite, a orquestra Capitol abrirá a última verbena das festas ás 21:30 no Campo de Rugby. Ás 00:00 horas ofrecerase un impresionante espectáculo de fogos artificiais, dando paso á continuación da verbena con Capitol e Olympus.

As celebracións concluirán o mércores 25, Día dos Nenos, cunha xornada dedicada aos máis pequenos, que poderán gozar das atraccións a prezos reducidos.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DO SAN XOÁN DE SARRIA 2025

⚙ Configurar cookies
0.14930391311646