Sarria volve debater a suba da taxa do lixo para poder aprobala definitivamente, ou non

SarriaXa
O Goberno local defende que a actualización é necesaria tras once anos con prezos conxelados
lixo-Sarria
30 Oct 2025

O Concello de Sarria convoca hoxe unha nova reunión de portavoces para debater a proposta de actualización da taxa do lixo impulsada polo Goberno local, un asunto que suscita críticas do BNG, do PSOE e do PP. Tras ese novo encontro de portavoces celebrarase o pleno ordinario, e o executivo anunciou que convocará máis adiante un pleno extraordinario para decidir de forma definitiva se aproba as modificacións na taxa.

O Goberno municipal insiste en que a tarifa non se revisa desde hai once anos e que é preciso actualizala para mellorar o servizo e sacalo a licitación.

Na reunión do pasado luns, 27 de outubro, abordáronse as contías que terían que aboar distintos colectivos. A proposta actual contempla unha tarifa fixa de 95,25 euros anuais para as vivendas, á que se engadiría unha parte variable en función dos días de recollida. Así, as vivendas do rural pagarían 97,25 euros (95,25 máis 2 euros), mentres que as situadas na contorna urbana de Sarria abonarían 102,25 euros (95,25 máis 7 euros), ademais dunha cantidade adicional vinculada ao consumo de auga, criterio que o Goberno cualifica de “máis equitativo” por relacionar consumo e xeración de residuos.

En canto aos negocios, a taxa proxéctase en función da superficie e da actividade; no sector da hostalaría aplicaríase segundo o número de prazas e a tipoloxía do establecemento. A primeira versión da proposta contemplaba tramos por metros cadrados que xeraban diferenzas acusadas. O Goberno defende a revisión ao considerar que a nova fórmula resulta “xusta e proporcional”, ao vincular o pago ás dimensións e á xeración estimada de residuos.

A convocatoria da reunión de portavoces e do seguinte pleno ordinario busca avanzar no debate técnico e político sobre os criterios de cálculo e os tramos de aplicación.

A aprobación definitiva das subas quedará pendente do pleno extraordinario que o executivo ten previsto convocar en data posterior, co fin de ofrecer unha resolución formal sobre a actualización da taxa do lixo.

⚙ Configurar cookies
0.065062046051025