Sarria<30 levará formación e emprendemento cultural aos sete concellos da comarca a partir de maio

O proxecto Sarria<30, seleccionado na convocatoria de proxectos para a ampliación da oferta cultural en territorios non urbanos, desenvolverá a partir do mes de maio un amplo programa de actividades nos sete concellos da comarca de Sarria. A iniciativa aposta pola formación e o emprendemento cultural como ferramentas para fortalecer o tecido cultural local e comarcal.
Impulsado pola entidade Ouvirmos, o programa contempla a organización de diferentes laboratorios formativos especializados que se celebrarán en varios municipios, ademais dun evento central final no que se combinarán o intercambio de experiencias coa formación en emprendemento cultural. O obxectivo é reforzar a capacidade de innovación no sector cultural da comarca e favorecer a creación de novas iniciativas.
O proxecto diríxese principalmente á poboación arredor dos 30 anos, unha xeración que desde a organización consideran a máis formada e preparada da historia local e comarcal. A iniciativa pretende visibilizar este talento emerxente, tanto no ámbito cultural como no empresarial, creando espazos abertos de diálogo, reflexión e creación colectiva.
Neste contexto, o evento central do proxecto non estará tutelado, senón mediado e dinamizado pola propia mocidade a través das súas actuais agrupacións culturais. A proposta busca fomentar a autonomía, a creatividade e a participación activa, ao tempo que promove espazos de diálogo interxeracional, transferencia de coñecemento e inspiración mutua.
Sarria<30 preséntase tamén como unha oportunidade para amosar o talento individual —incluído o talento emprendedor— e para construír unha narrativa común arredor do que significa ser xente nova nunha comarca da Galicia interior cunha identidade cultural compartida e diversa ao mesmo tempo. O proxecto desenvólvese nun territorio cunha forte vinculación histórica e cultural ao Camiño de Santiago, que converte a comarca de Sarria nun espazo de tránsito, encontro e intercambio cultural.
Entre os obxectivos específicos da iniciativa destacan o recoñecemento e empoderamento dos axentes culturais da comarca, o reforzo da identidade cultural colectiva e comunitaria e a oferta de formación técnica e sectorial especializada impartida por profesionais destacados do ámbito cultural.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
No marco do programa organizaranse diferentes laboratorios concibidos como espazos de aprendizaxe práctica nos que a formación se transforme en innovación e en proxectos profesionais estruturantes. A iniciativa busca tamén abrir o debate sobre cultura, empresa e economía, fomentando alianzas público-privadas e o diálogo entre xeracións, co reto de transformar e profesionalizar a cultura afeccionada nun territorio marcado pola dinámica empresarial e polo peso do turismo cultural vinculado ao Camiño de Santiago.
O primeiro laboratorio celebrarase no concello do Incio o 2 de maio entre as 10.30 horas e as 14.00 horas e estará centrado na xestión de eventos musicais. A sesión será impartida por Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), quen abordará cuestións relacionadas coa normativa autonómica e estatal, a seguridade nos espectáculos e as implicacións legais na organización de eventos.
Os días 2 e 9 de maio impartirase un laboratorio de teatro en Sarria entre as 10.30 horas e as 14.00 horas. A actividade estará dirixida polo dramaturgo e profesor da Escola Superior de Arte Dramático Ernesto Is e contará coa colaboración de colectivos locais. Unha das sesións estará dedicada á diversidade e inclusión, destacando o papel do teatro como ferramenta de integración e empoderamento persoal e colectivo.
O 9 de maio, Samos acollerá un laboratorio dedicado ao patrimonio inmaterial centrado no baile tradicional. A actividade, concibida como unha masterclass para grupos de danza da comarca, será impartida por Chus Caramés, especialista en didáctica do baile, e por Ruth Pérez, integrante do grupo Cántigas e Frores de Lugo e referente na recuperación e difusión da danza galega.
Paradela será escenario o 16 de maio dun laboratorio de literatura, rutas e certames impartido por Manuel Bragado, editor e ex director de Edicións Xerais de Galicia. A proposta combinará reflexión teórica e análise práctica co obxectivo de poñer en valor o potencial do sector literario e o papel dinamizador da cultura escrita na identidade da comarca.
Ese mesmo día, o concello do Páramo acollerá un laboratorio centrado no canto tradicional, concibido como un espazo de aprendizaxe e transmisión oral guiado polo músico Davide Salvado, un dos referentes da música tradicional galega.
O 23 de maio desenvolveranse dous novos laboratorios. En Láncara celebrarase unha sesión dedicada á danza contemporánea dirixida pola coreógrafa Rut Balbís, da compañía Pisando Ovos, que explorará os procesos creativos en diálogo coa natureza e co patrimonio paisaxístico do municipio. Pola súa banda, Triacastela acollerá un laboratorio sobre cultura e turismo conducido por Manuel Gago, centrado na relación entre o tecido empresarial e o potencial do Camiño de Santiago como motor de desenvolvemento local.
A programación culminará o 30 de maio cun evento central que terá lugar na Praza de Abastos de Sarria. A xornada converterá este espazo simbólico do centro da vila nun escenario aberto e participativo no que a mocidade será a protagonista, compartindo historias, presentando proxectos culturais e empresariais, expoñendo procesos creativos e contribuíndo á construción dunha identidade cultural colectiva.
A proposta combinará entrevistas colectivas, mesas de debate, exposicións e actividades participativas, nun exercicio común de transferencia de coñecemento, recoñecemento social e celebración da diversidade da xeración máis formada e innovadora da historia da comarca. A programación será multidisciplinar e abranguerá ámbitos como a cultura, a música, a arte, o deseño, a moda, o emprendemento, a tecnoloxía, a innovación social e a comunicación.
Na xornada participarán persoas e colectivos dos sete concellos da comarca —Sarria, O Páramo, O Incio, Láncara, Triacastela, Samos e Paradela— así como sarrianos e sarrianas que desenvolven os seus proxectos en Galicia, no resto do Estado ou no estranxeiro, reforzando a conexión entre o territorio e a diáspora.
A programación comezará ás 11.00 horas cunha mesa dedicada ao emprendemento e á formación, organizada polo Polo de Emprendemento de Sarria da Xunta de Galicia, que abrirá o encontro cun espazo de diálogo sobre as ferramentas económicas e formativas dispoñibles para impulsar proxectos na comarca. Ás 12.30 horas celebrarase unha mesa sobre patrimonio inmaterial centrada nas festas e tradicións locais como expresión da identidade comunitaria, moderada polo investigador e divulgador Rafael Quintía.
Ás 13.30 horas terá lugar unha mesa gastronómica pop-up dedicada á posta en valor dos produtos locais e da tradición culinaria da zona. Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase unha mesa sobre eventos musicais na que se presentarán diferentes organizacións de festivais e o seu papel na dinamización cultural da comarca.
Ás 18.30 horas desenvolverase unha mesa de emprendemento <30 que reunirá experiencias de éxito en distintos ámbitos profesionais. A xornada pecharase ás 20.00 horas cunha sesión electrónica denominada OFF Sarria<30, nun ambiente festivo pensado como celebración colectiva do proxecto.
O desenvolvemento de Sarria<30 será posible grazas á colaboración do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Concello de Sarria, así como á implicación dunha ampla rede de entidades culturais, sociais, económicas e deportivas da comarca.