SD Sarriana confía en Dani Giménez para dirixir o equipo Sénior A o resto da tempada

A SD Sarriana anunciou hoxe a incorporación de Dani Giménez como adestrador do seu equipo Sénior A para o que queda de tempada. O vigués, nado o 30 de xullo de 1983, chega á entidade lucense tras colgar os guantes hai apenas uns anos e iniciar o seu percorrido na dirección técnica.
Como xogador, Dani Giménez destacou como un dos gardarredes máis fiables do fútbol español, defendendo as portas de equipos como Rayo Vallecano, Real Betis Balompié e R.C. Deportivo de La Coruña, entre outros. No Deportivo chegou a encadear 76 partidos ligueiros consecutivos, récord histórico para a portería herculina.
Xa como adestrador, Giménez tomou o mando técnico en 2024 no CD Manchego de Ciudad Real, e previamente dirixira ao Xuvenil do Rayo Majadahonda.
Coa súa chegada á Sarriana, o club busca non só consolidar os resultados deportivos, senón tamén impulsar o desenvolvemento do proxecto global da entidade nunha fase decisiva da tempada.