Segadores galegos en Castela (II)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
raul rio
15 Dec 2023

Por Raúl Río.

Naqueles tempos non se levaba a pel morena, dourada polo sol e algúns non se afeitaban nin cortaban o pelo durante os dous meses e so o cortaban nos últimos días antes de ir para a casa, chegando recen afeitados e branquiños ao seu lugar coma se houberan estado nunha oficina. Di Pepe que algún nin sequera o coñecía el cando se afeitaba. Nos dous meses mudábanse unha vez; collían a camisa polos colares, poñíana dereita e quedábase tesa da suor coma si tivera un home dentro. Xosé Luís di que incluso había que ter coidado ó lavarse, porque aquela auga o que facía era embarroar e nas casas non tiñan traída. Viña unha traída para o pobo e tiñan varios caños distribuídos polas zonas aos que ían por ela co cántaro. Por non haber tampouco había cuarto de baño nin servizo nas casas para as súas necesidades, que seica as facían no “curralón”.

O cine xa o vira Pepe cando o poñía Xosé de Merra polas festas e cando había baile no Carboeiro, pero foi alí, na casa do crego, onde escoitou por primeira vez a radio e viu por primeira vez a televisión na casa do cura de Ortigosa, que cando soubo pola radio que saíra a televisión, foi mercala a Madrid. Unha noite fórona ver e a criada púxolles uns cafés, unhas pastas e viño, pero a canseira podía mais que o seu interese polo aparello, pois durmíronse na mesa e cos ronquidos nin se oía a televisión.

Para durmir dábanlles un pallar con palla rilada e eles botaban a manta enriba da palla. Iso era o que mais duro se lle facía a Xosé Luís, porque na palla andaban as “carroñas”, unha especie de cascudas mais pequenas. “Ditosas carroñas! -di Xosé Luís- Ruxindo debaixo da orella toda a noite. Ás veces había tantas que te cambiaban de sitio, deitábaste aquí e aparecías acolá. Quizais esaxero algo, pero pouco lle faltaba. Menos mal que non trababan!”

Cada maioral apuntaba os días e os homes que traballaron e, á hora de cobrar, ían Pepe e o maioral da cuadrilla. Despois xuntábanse todas as cuadrillas nun pallar, tiraban os cartos nunha manta e repartían o diñeiro.

Os casteláns eran xente de trato e de palabra, pero outro problema que había antes era que os maiorais principais ían as casas; pedían traballo pero non negociaban o prezo e despois cando acababan o traballo e ían cobrar había uns problemas enormes cos amos. O padriño de Pepe, Antonio Teijido Lopez, de Vitorio da Pena Fachada, quen lle deixou o posto de maioral Principal, nunca negociou o prezo e despois de feito o traballo botaban tres e catro días negociando. Unha vez, tanto se quentou a cousa, que Gaitante de Pereira, que ía de maioral con seu padriño colleu a fouciña para aplicar “a xustiza pola man”, coma Rosalía no seu poema, e así chegaron a un acordo. Outra vez, no pobo de Villoslada había tres amos cos que non se puxeron de acordo e díxolle Pepe a seu padriño que os denunciara, pois daquela aínda cobraban menos do estipulado polo sindicato e os amos tiveron que ir logo a Santa María de Nieva pagarlles 10 pesetas mais por xornal do que lles pretendían pagar. Pepe, cando colleu o posto de maioral principal, de mans do seu padriño, arranxou este tema, negociando antes para non dar lugar a discusións e situacións violentas nas que sempre sairían perdendo os nosos paisanos. Xosé Luís corrobora que Pepe sempre lles dixo os negocios que fixera antes de empezar, os días e o tanto por día.

O sistema de reparto que houbo toda a vida era moi inxusto, pois había unha diferencia entre os maiorais e os seguintes na escala, polo que de terceiro para atrás non quería ir ninguén e xa lle preguntaban ao maioral principal cando se apuntaban que posto lle daba na escala e iso era un problema para facer a cuadrilla. Pero este sistema tan inxusto acabouno quitando Pepe, dándolle a mesma cantidade ao que vai de sexto que ao segundo. Ademais os de primeiro ano estaban cualificados como “media fouce” e cobraban algo menos, salvo que foran moi bos, que entón cobraban coma os demais; pero os atadores non entraban na rolda de reparto e decidían os segadores a cantidade que lles ían dar, levando tamén os “cartos da corta”, na que cada segador poñía un diñeiro proporcional ao que cobraba: O último segador era o que menos poñía e os seguintes na escala ían poñendo cada un mais, ata chegar ao maioral principal.

Cando remataban a sega uns víñanse para a casa cos poucos cartos que gañaran, pero os mais mozos mercaban unha bicicleta, un traxe ou unha cámara fotográfica en Lugo para dedicarse á fotografía, como fixo Valentín Purriños e, moitos outros, un billete de tren para emigrar definitivamente a Bilbao.

Triste é o cantar que cantamos, /¿mais que facer si outro mellor non hai? Dicía Rosalía.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15301203727722