Segue aberto o prazo de licitación para a contratación de 20 prazas residenciais en Guntín e Láncara

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo de licitación para a reserva e ocupación de 20 novas prazas de atención residencial nos concellos de Guntín e Láncara, dez en cada un dos municipios. Os pregos da contratación e toda a documentación está publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia para a súa consulta.
A duración inicial do contrato será de dous anos, desde outubro deste ano ata setembro de 2027. Poderase prorrogar por períodos máximos de tres anos ata acadar unha duración de cinco. Deste xeito, o orzamento base de licitación supera o millón de euros e o valor estimado do contrato, tendo en conta as posibles prórrogas, é de algo máis de 3 millóns de euros.
O procedemento de licitación destas novas prazas é aberto a entidades que xa teñan centros residenciais en Láncara e Guntín. Na valoración das ofertas, a proposta económica terá como máximo un 40% de puntuación, mentres que o preso de criterios vinculados á calidade do servizo suporán o 60% da puntuación.