Segue o plan de mobilidade sostible no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria continúa cun plan de mobilidade sostible e segura. Desta maneira, o centro educativo comeza o curso escolar 2021-2022 con novas propostas para o coidado do medio ambiente.
Por iso, darase continuidade á campaña En bici ao Xograr. Anímate a pedalear!, onde se combinarán propostas de desprazamentos activos ao centro con outras actividades sostibles.
A mellor forma de comezar é conmemorar a Semana Europea da Mobilidade. Deste xeito, tódolos alumnos e alumnas, profesores e profesoras e persoal de servizos do centro que veñan ata o próximo 22 de setembro en bicicleta ao instituto recibirán un agasallo.
Unha maneira de incentivar o emprego de medios de transporte alternativos, así coma axudar ao coidado do medio ambiente.