Seguen a bo ritmo as obras en Valdriz
As obras na ponte de Valdriz e a construción dunha glorieta na LU-621, en Láncara, seguen a bo ritmo, polo que está previsto comezar co ensanche da ponte a primeiros do mes que vén. Así se explicou no día de onte ao comprobarse a marcha dos traballos, que se prevé estean rematados a finais de agosto.
Actualmente, a empresa responsable da obra, Ovisa, está a rematar coas microvoaduras, que ten que controlar con sismógrafos para non prexudicar á liña eléctrica. Ademais, tamén se tivo que construír un muro escollera na ponte. Todos estes traballos suporán a escavación de máis de 15.000 metros cúbicos ou o emprego de máis de 1.000 toneladas de mestura asfáltica, o que dá unha idea da envergadura desta actuación, que ten un orzamento de 599.845 euros.
En canto á ponte, o ensanche levarase a cabo nun treito de 500 metros e precisará da substitución de parte da terra da bóveda por cemento, así como a instalación de 513 metros cadrados de prelosa, armadura, ferro e formigón para ampliar o ancho dos 6 metros actuais ata os 10.
Así mesmo, sinalouse que esta é precisamente a obra máis complexa de executar dunha actuación global que contempla tamén a creación dunha rotonda que xestionará toda a circulación da LU-621 con Valdriz, o que a longo prazo suporá unha maior seguridade para o tráfico rodado nun cruzamento bastante perigoso.
Tamén co obxectivo de aumentar a seguridade, procederase a unha pequena rectificación do trazado para que a entrada á ponte sexa máis segura. Igualmente, este proxecto prevé a creación dunha senda peonil desde o último tramo de beirarrúas da Pobra de San Xillao ata a nova rotonda de acceso a Valdriz que se vai a construír.