Séguese a traballar na nova ruta do Concello do Páramo
O Concello do Páramo está impulsando a primeira parte da ruta da Torre Medieval da Barreira, a primeira ruta de sendeirismo no concello. A ruta, que será de algo máis de 1,9 quilómetros, comezará no cruceiro que hai na carballeira do campo da feira e rematará na torre medieval da Barreira, onde quedan algúns restos desta antiga fortificación.
A actuación conta cun investimento aprobado de 14.908,22 euros e, ademais, ten unha axuda de 12.320,84 euros, que veñen dados da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dunhas axudas de recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e a sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia.
O recorrido vai por un antigo paso de gando cara ao campo da feira, que vén dende a montaña de Friolfe por Vilariño. Desta maneira, a través da ruta pódese gozar do valor paisaxístico, ecolóxico e histórico da zona.
O prazo de execución da actuación será de dúas semanas e o obxectivo é recuperar, sinalizar e conservar camiños que estaban activos antigamente e que, co paso do tempo se foron deteriorando.
Por esta razón, realizarase unha instalación de paneis informativos con datos relativos á ruta nos lugares máis importantes, así coma postes de madeira indicando o trazado da ruta, cambios de dirección, etc. Ademais, tamén se levarán a cabo tarefas de limpeza que realizará o persoal e maquinaria do concello.