Seres de luz

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
8 Jun 2022

Por Rebeca Maseda

Existen, son reais. Non abundan, pero cando coñeces a algún ou algunha, cégate con  tanta xenialidade.

Hai uns días estiven no concerto que ofreceu a cantautora catalana, Silvia Pérez Cruz  (Palafrugell, Girona, 1983), no Pazo da Ópera da Coruña. Aí vai, un claro exemplo de “ser de  luz” de pés a cabeza! É compositora ademais de cantante, e fala a linguaxe da música dende  que ten uso de razón: creceu entre cancións populares ibéricas e latinoamericanas, educouse no  clásico e no jazz. Contaxiada polo flamenco a través dunha conexión que parece sobrenatural,  canta dunha forma que só é súa, realmente estremece...

Sería imposible encadrar a música de Silvia nun só estilo. É versátil e  inconfundiblemente persoal, dúas calidades que raramente coinciden e en cambio a ela  defínena. Así mesmo, é fiel aos diferentes estilos que aborda sen deixar de ser, en ningún  momento, ela mesma. Sen dúbida, todo o que fai ten un selo propio moi forte que fai da súa  arte unha experiencia única. Basta con dicirvos que o título do seu último traballo é “Farsa  (género imposible)”, acaso non é unha combinación deliciosa?

Un ser de luz irradiando música luminosa sería un enunciado perfecto. No “universo  dos pentagramas” existe unha gran cantidade de música chea de luz. Música evocadora e  sensual que nos teletransporta a imaxinarios infinitos onde a fantasía é a raíña indiscutible. Para  min unha das obras musicais que mellor exemplifica esa idea é “Daphnis et Chloé” do  compositor francés Maurice Ravel (1875-1937). Ballet definido polo propio compositor como  unha “symphonie choréographique” (sinfonía coreográfica).

O guión foi adaptado por Michel Fokine a partir dunha novela homónima do escritor  grego Longo (finais do s.II-comezos do s.III d.C.). A historia fala do descubrimento do amor  na boca de dous mozos, un cabreiro e unha pastora, expostos no seu nacemento e criados por  dúas familias campesiñas. Ravel comezou a traballar na partitura en 1909 por encargo de  Serguéi Diáguilev e o ballet estreouse no Théatre du Châtelet de París da man dos “Ballets  Rusos” en xuño de 1912 baixo a dirección de Pierre Monteux, con coreografía de Michel  Fokine e escenografía de León Bakst.

O ballet consta dun só acto con tres escenas e a música, chea de paixón, está considerada  como unha das creacións máis destacadas de Ravel: harmonías extraordinariamente  exuberantes e ritmos moi elaborados. Sen dúbida, unha peza de referencia dentro da corrente  artística que coñecemos como “Impresionismo”. Posteriormente, Ravel seleccionou varios  fragmentos do ballet para crear dúas “suites orquestrais”, a segunda das cales é particularmente  popular. De feito, cando escoitas o inicio do primeiro movemento, “Amencer”, podes visualizar  unha especie de paraíso onírico onde a natureza parece fluír nunha espiral atemporal. Non

existen bordes angulosos, nin arriba nin abaixo. A liña do espazo-tempo vaise perdendo nun  mar en calma.

Resulta moi complexo intentar verbalizar as sensacións pero, á vez, produce un estraño  pracer darlles forma na mente. É como un proceso de inmersión profunda durante o cal a  consciencia dálle paso á inconsciencia sen estridencia ningunha.

Agora mesmo só podo pensar nesa música tan embriagadora que me cegou dende a  primeira vez que a escoitei. Só quero mergullarme nesa sonoridade e viaxar por un universo de  luz perpetua.

Grazas señor Ravel.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18555092811584