Sergio Pereira, organizador do Festival Tremeterra: “O obxectivo é crear comunidade arredor do sound system”

SarriaXa
Falamos con Sergio Pereira, presidente da Asociación Cultural Sonsistema, unha das organizadoras do Festival Tremeterra que terá lugar o 30 e 31 de agosto no Incio
Festival-Tremeterra-2023
25 Ago 2024

Por Jessica Fernández

Que é o Tremeterra e cando xorde?

O Tremeterra é un encontro da cultura Sonsistema que se celebra con acceso gratuíto na contorna do Encoro de Vilasouto, concretamente na localidade de Eirexalba, Concello do Incio. Naceu en setembro do ano 2022 co obxectivo de impactar no eido local, tratando de crear unha alternativa de ocio para a xente da zona, dinamizando a contorna e facéndoa máis atractiva e activa ás novas xeracións, introducindo propostas culturais que están á vangarda noutras comunidades e países, e servindo de impulso económico para o Concello a través de colaboracións con entes e negocios locais de O Incio e arredores. Ademais, a intención tamén é dar a coñecer os espazos naturais de grande interese paisaxístico, ecolóxico e ambiental da zona por medio de talleres e charlas a cargo de asociacións locais que traballan e protexen o medio natural. E, por último, poñendo en valor dous elementos declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: O Reggae e o Camiño.

Cales son os valores que fomenta?

O Tremeterra trata de afianzar lazos entre diferentes colectivos do soundsystem, utilizando como vehículo o propio Camiño e o espazo físico que ocupa, conxugando as dúas entidades patrimoniais nun obxectivo común. É un evento cargado de valores de respecto, ás persoas de toda clase, sexo, relixión e procedencia, así como á propia natureza e a cultura, e por suposto á promoción dos mesmos. Todos estes valores atópanse intimamente ligados á tradición da peregrinación, sendo a irmandade e a vivencia compartida en multiculturalidade a base da experiencia do Camiño, así como tamén están intimamente ligados á música reggae que os promove dende a súa fundación. Este encontro busca ser un dos festivais referentes do soundsystem, onde non só o reggae conforma a súa imaxe, si non que todas as músicas e xéneros relacionados cos sistemas de son artesanais teñen cabida.

Como xurdiu a idea de organizar o evento?

Nós, 5 amigos de Compostela que formamos parte da Asociación Cultural Sonsistema, decidimos crear un festival gratuíto referente deste ámbito cultural e musical porque xa fixeramos outros eventos e queriamos facer un preto do Camiño de Santiago. Así, un de nós propuxo facelo no Incio e, ao entablar contacto tanto co Concello como coa veciñanza, que nos abriu as portas, decidimos desenvolvelo aquí, conxuntamente coa Asociación Cultural Arandela, que ten moita presencia no eido local, e coa colaboración do Concello do Incio.

Así, unimos forzas e decidimos organizar o Tremeterra nun espazo que consideramos idílico como é o Encoro de Vilasouto porque é un espazo co que conectar coa natureza e no que cremos que non molestamos demasiado, xa que está afastado e tendo en conta que o sound system chega a unhas frecuencias altas e é ao aire libre onde mellor sona.

Para quen non o saiba, que é o sound system?

O sound system vén da cultura xamaicana e consiste nuns altofalantes construídos artesanalmente de madeira e alí reprodúcese a música reggae e derivados. Dadas as características do equipo, isto fai que se xere un ambiente especial.

Como evolucionou o festival desde a primeira edición ata hoxe?

Nós nunca agardamos facer algo moi grande. O obxectivo é facer algo pequeno onde se poida crear comunidade e sen demasiada infraestrutura e iso conseguímolo. Esta é a terceira edición que organizamos e a resposta da xente é que lle vai gustando e vai medrando, pero non queremos facer algo súper grande. Na primeira edición contamos con 500 persoas, na seguinte edición con máis e nesta esperamos que veña máis xente, pero non queremos que se converta nun festival típico capitalista e masificado; nós queremos crear comunidade e ademais é gratuíto, nós non gañamos nada de diñeiro e as axudas administrativas non cobren todos os gastos que xera o cartel coas actuacións de artistas internacionais, nacionais e locais que traemos.

O Tremeterra é un festival e un encontro familiar para os amantes da cultura sound system e estamos moi contentos coa resposta porque cumprimos obxectivos. Conseguimos crear comunidade, é moi familiar, próximo, os artistas mestúranse entre a xente... todos somos un. Tanto é así que non hai escenario, estamos todos xuntos, artistas e público.

Algunha novidade nesta edición?

Este ano traemos artistas de diferentes países, pero tamén temos artistas nacionais e locais que actuarán durante os dous días. Ademais, teremos obradoiros nos que os artistas poderán falar coa xente e esta poderá preguntarlles cousas sobre a cultura sound system doutros países mentres que haberá dinamizadores que traduzan as conversas. Tamén haberá un obradoiro sobre a violencia de xénero tratado desde o ámbito dos festivais, haberá actividades deportivas de ioga, postos de comida, tamén vegana, e bebidas de todo tipo.

O máis importante é que a xente que veña estea concienciada de que estamos nun espazo natural que debemos respectar e coidar porque os veciños do Incio nos abren as súas portas e debemos ser agradecidos e respectar o seu espazo, polo que é necesario recoller o lixo, que se preocupen do seu, respectar as horas de descanso e que todos colaboremos e sexamos todos un, tamén niso.

Con respecto ao futuro, somos 6 persoas organizando o festival aparte de que contamos con voluntarios e amigos que nos botan unha man, pero somos poucos e optimizamos os recursos, polo que esperamos poder seguir organizando máis este festival en anos sucesivos porque temos moitas forzas.

0.37845683097839