Sesenta mozos e mozas participan no Campus de Fútbol Sala Os Meigallos en Sarria

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, achegouse este luns ata o pavillón municipal do Chanto, en Sarria, para visitar o Campus de Fútbol Sala Os Meigallos, unha iniciativa deportiva e de conciliación impulsada polo club sarriao que se desenvolverá durante toda a semana.
Nesta edición participan sesenta rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos, que teñen a oportunidade de mellorar as súas habilidades deportivas coa orientación de técnicos de primeiro nivel.
Entre eles destaca a presenza de Santi Valladares, actual adestrador do Peñíscola, equipo da Primeira División do fútbol sala español, e do seu fillo, Santi Valladares Rodríguez, que exerce como técnico do Leis Pontevedra.
O campus combina formación técnica, actividades lúdicas e valores deportivos, converténdose nun espazo de aprendizaxe e convivencia para a mocidade da comarca, coa colaboración da área de Deportes da Deputación de Lugo.