Setenta pesos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
4 Aug 2022

Por Pablo Veiga

Traballar nos servizos sociais municipais leva consigo un contacto directo e continuado coa xente, producíndose unha inevitable proximidade, aínda mantendo as distancias e cinguíndose ao ámbito profesional. No caso de Galicia, e máis concretamente nas zonas rurais, son maioritariamente as persoas de idade as usuarias da orientación e asesoramento, así como dos diversos programas que se podan ofrecer desde os concellos.

A consecuencia delo –unha de moitas-, é que existe a oportunidade de coñecer historias de vida, algunhas curiosas, outras sorprendentes, pero todas elas dignas de ser escoitadas e analizadas.

Aqueles homes e mulleres que naceron nos anos trinta tocoulles vivir de meniños unha cruenta e despiadada guerra civil, así como un período que chegaría despois e duraría un tempo considerable onde a escaseza era a tónica habitual. Non é casual as masivas emigracións do campo galego cara destinos lonxe de aquí na procura dun mellor futuro.

Esa precariedade económica das familias, caracerizadas estas por unha numerosa prole, a diferenza de hoxe en día, levaba a que xa de moi noviños houbese que porse a traballar.

E exemplo disto témolo en Xosé, un friolés nado en 1936, xusto cando deu comezo a Guerra. Con trece anos xa foi a Castela ás segas, concretamente a fincas ubicadas na localidade de Brunete, en Madrid. Como aínda era un neno, a súa función consistía en atar o que os maiores segaban a man coa fouce, facendo os mollos que logo se apilaban en forma de palleiros. Non disimulaba a súa emoción cando o contaba. Xosé botaba cincuenta días baixo o sol abrasador daquelas terras coas súas cincuenta noites, lonxe dos seus. Con orgullo e satisfacción, afirmaba que con apenas dezaste anos, cando volveu da campaña en Castela, púxose a segar en Friol, deixando abraiados a todos, porque ninguén era quen de seguirlle o ritmo. O pequeno convertérase nun home e xa non se limitaba a atar e facer os mollos, senón que segaba como calquera outro adulto ou incluso mellor.

As expedicións a Castela xa as mencionaba Rosalía De Castro nos seus famosos Cantes Gallegos hai cento cincuenta anos. Imposible non recoñecer o poema “Castellanos de Castilla, tratade ben os galegos, cando van, van como rosas, cando ven, ven coma negros”. O propio Xosé, testemuña e protagonista, aseveraba que resultaba moi dura a experiencia, pero a cambio, el voltaba para a casa con setenta pesos, e no lote tamen viña unha boa capa de piollos. En cartos supoñía 350 pesetas, entorno a dous euros e dez céntimos, que pode semellar unha miseria, pero como Xosé afirmaba, a súa familia podía destinar trinta pesos a un ferrado de trigo, que se sementaría despois para ser colleitado e así ter pan durante todo o ano.

Estas vivencias non poden quedar no esquecemento. Aínda que parece que pertenzan a tempos moi lonxanos, en realidade non o son tanto, porque entre nosoutros temos homes, de idade avanzada, si, que o poden contar en primeira persoa, formando parte da Historia con maiúsculas do noso País.

Setenta pesos en cincuenta días e unha capa de piollos. Non hai máis que engadir.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15415191650391