Sobre a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo
Por Raúl Río
O pasado 24 de febreiro celebramos o nacemento de Rosalía Castro e viñeron á miña memoria e a miña nostalxia aqueles anos oitenta do século pasado, anos nos que a maior parte dos Centros Galegos e Casas de Galicia de Euskal Herria dedicábanse mais ao folclore e á gastronomía que á cultura e a darlle valor o noso, o noso idioma e as nosas tradicións, cando eramos rapaces e rapazas novos, con un futuro por diante, con bríos e ilusións e intentamos traballar neles para levalos por ese camiño da cultura.
Con esa intención, José Andrê López Gonçalez (Andrê da Ponte, o investigador que recuperou o Apalpador) e mais eu, exercemos de Secretario e Delegado de Cultura respectivamente na Casa de Galicia de Santurtzi durante os anos 1981 e 1982. Conseguimos facer cousas importantes, xa que por alí pasaron personaxes da talla de Manuel María en dúas ocasións, Felipe Senén e O Mago Antón; creamos un cineclub polo que pasaron Mamasunción, Fendetestas, O carro e o home e o resto dos poucos curtos con que contaba daquela a filmografía galega; recuperamos o Día das Letras Galegas, festas populares como os magostos e os entroidos, integrando a Casa de Galicia na sociedade vasca sen perder as nosas raíces, deixando de ser un gueto e facéndonos respectar. Pero aquelo era un “senvivir” e tivemos que deixalo.
Foi entón, en marzo de 1983, cando nos xuntamos con outra morea de rapazas e rapaces de Barakaldo e de Bilbao, que tíñamos os mesmos anceios, fundamos a “Asociación Cultural Rosalía Castro” en Barakaldo, na que, empecei e rematei sendo o seu secretario, salvo nun período de dous anos nos que Xosé Antón Chamborro Martínez desempeñou ese cargo.
Esta Asociación, ao igual que o “Fato Cultural Daniel Castelao” de Trintxerpe , foron (e o Fato aínda segue sendo) un fito na reivindicación da nosa cultura, do noso idioma e da nosa dignidade en Euskal Herria.
Con ela empezamos a recuperar as festas populares dos magostos e os entroidos, vestindo corozas de palla e con caretas deseñadas e feitas por nós; traendo incluso traxes de cigarróns de Laza e organizando pequenos actos teatrais como o que gañou un premio no “Desfile de Carnavales” de Bilbao, no que participou tamén o grupo de mimo e pantomima Ancoradouro, de Xosé Vázquez Pintor, que trouxéramos aquel ano para actuar en varios pobos.
A edición de revistas e de libros foi outra das nosas actividades. En 1985, con motivo do centenario do pasamento de Rosalía, sacamos á rúa o número cero da revista “Esmorga”, co subtítulo “Rosalía cen anos despois”, en galego éuscaro e español, na que colaboraron Avilés de Taramancos, Manuel María, Carballo Calero, Fransisco Carballo, Xosé Estévez, María Pilar García Negro, o dramaturgo vasco Antonio María Labaien, o debuxante Xaquín Marín, Antón Rodríguez Castro e Francisco Rodríguez.
Despois, a partir do 1989 seguimos editando a revista “Esmorga”, dirixida por Milo Mosteiro, que deixabamos polas tendas e bares galegos para que a repartiran gratuitamente entre os seus clientes.
A edición de libros encetou en maio de 1990 co poemario, “Onde o vento leva un soño de carpazas”, de José Andrê López Gonçalez, con un precioso limiar de Manuel María. Despois veu o libro “Saturno” de Manuel María. Un longo poema que o poeta chairego lle enviou a José Andrê para publicar na revista da facultade de periodismo da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), pero ao non podela publicar decidimos convertela nun libro bilingüe, traducido ao éuscaro por Edorta Jiménez. Mais tarde saíron os libros de poemas de Andoni Vázque Tierra: “O fume das cinsas”, con unha introdución deste que escribe e prólogo de Manuel María, e o “Inventario esquencido da existencia”, con prólogo de Xosé Estévez.
Ademais tiñamos unha exposición e venta permanente de cerámica de Bonxe, Buño e Niñodaguia, que nós mesmos mercábamos cando íamos de vacacións, e do libro galego, na nosa sede social da rúa Zuberoa Nº 8-2º dereita de Barakaldo, xa que tanto Edicións Xerais como Galaxia deixábanos os libros en depósito, que logo lles íamos pagando segundo íamos vendendo. Esta exposición trasladabámola aos diferentes pobos da provincia de Bizkaia (que era o noso ámbito de actuación) en coches dos socios e as portas que recolliamos cando alguén as cambiaba na casa, que montadas en cabaletes nos servían de mesas, levábanolas o compañeiro Lois Varela na súa furgoneta. O traballo era inmenso, pero tamén era un xeito de sacar algún diñeiro para poder facer outras cousas, pois esa venta de libros e cerámica deixábanos uns cartos moi necesarios para poder seguir.
O presuposto da Asociación Cultural consistía nese diñeiro que conseguiamos a base de traballo, as cotas dos socios e algunha que outra subvención da Deputación de Bizkaia ou dalgún concello no que facíamos diferentes actos. Sobra dicir que da Xunta non recibíamos nada. Non tíñamos o poder económico dos Centros Galegos e Casas de Galicia, pero esa carencia supliámola a base de traballo e a nosa actividade era moito maior. Ese traballo fixo que daquela tamén eles empezaran a imitarnos e recuperar algunha festa como a dos magostos e o Día das Letras Galegas, que agora xa celebran en español sen ningún rubor e que algún Centro converteu en “Feira das Letras”, que aínda non sabemos moi ben o que quere dicir.
Unha pena que esta Asociación Cultural Rosalía Castro non tivera continuidade, pois hoxe, a maior parte deses Centros e Casas de Galiza seguen, ao igual que Feixoó, enxalzando o alleo e desprezándose a si mesmos.