Sobre tapar a cabeza

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
10 Xan 2022

Por Noelia Castro Yáñez

O director Wes Craven creou a Freddy Krueger a imaxe e semellanza do home do sombreiro, o cal afirmou ver cando era un meniño cun sombreiro de ala ancha. Non lembramos ao paisano pola roupa, impuxemos o apelativo polo accesorio que levaba na cabeza. Porque para levar sombreiro unha de dúas: ou tes un estilo característico no vestir que fai que a xente se xire cando pasas ou todo che da tan o mesmo, que poderías levar un sombreiro coma un pucho dalgunha marca de penso, que o efecto viría a ser o mesmo, un esperpento. Persoa que destaca pola súa fealdade, desaliño ou apariencia ridícula ou grotesca, calquera de nós un venres universitario vaia.

Afortunadamente, cando penso nun sombreiro, o primeiro que se me vén á cabeza é un señor con boina ou, mellor dito, un patrón cun Trilby, un sombreiro inglés que ben seguro lembramos todos dos nosos avós, cando menos todos os que temos avós que foron algunha vez a unha feira de gando, de feito a súa orixe remóntase ás cacerías. Tamén ao comezo estaba asociado ás mulleres, pero acabou popularizándose na cabeza de homes que convivían entre reses. Porque aí cumpría unha función, era unha sinal distintiva para as posibles inclemencias do tempo. Hoxe en día, levalo tomar os viños dentro de calquera bar é cando menos, de parvos. Porque se algo nos ensinou o avó co exemplo foi a descubrir a cabeza para entrar nalgures ou para falar con calquera. Lembro ese xesto tan de seu, coa man dereita agarraba a viseira e levábaa ao peito, apertaba contra si o accesorio como amosando un respecto que el levaba por bandeira, e penso agora no que lle custa aos meus alumnos quitala pucha cando llelo recrimino en clase e danme ganas de chorar.

Lembro cando a miña amiga M. comezou a mocear. O afortunado era un rapaz que por aquel entón vivía en Burela, P., alto e guapo, iso aínda o é agora, pero como di Belén, destragouse. A miña nai pediulle que lle ensinase unha foto do tal rapaz polo que M. bebía os ventos, creo que co de ser nai che vén outro superpoder, o de poder calificar con exactitude as virtudes e desventuras de calquera posible candidato a emparentar contigo, B. torceu o queixelo. Ambas nos quedamos agardando polo comentario despectivo, pero ela só dixo unha misiva, que por certo, sentou xurisprudencia: “ti verás, pero os que tapan a mola… por aí lles empeza o mal.” Daquela creo non entender absolutamente nada, de feito, foi mozo de M. durante máis dun verán, e iso, sendo ela, xa me fai recordalo. Pero co tempo coido que foi o meu pai o que me explicou que as gorras, coma todo, cumplen unha función e levalas cando non fai sol pousadas na cabeza non che impronta personalidade, é coma levar escrito na fronte: fun feito coa bombona deitada.

A protagonista da serie que estou a ver agora, Emilie, sempre leva cubertas as perfectas ondas peinadas coma se non vivise nun París húmedo e lúgubre, e quizais sexa por iso porque aguanta ben peinada toda a serie, porque leva boina. Pero ademais de protexerse das inclemencias do tempo, vai impecable. Porque ela si ten estilo suficiente como para levar algo na cabeza e que lle quede ben. Porque é desas cousas, relegada a unhas poucas. Semella isto un claro contraargumento ao uso de sombreiros, e agora debería dicir iso de que cada un poña o que lle apeteza, pero lonxe diso, coido que o seu uso é unha  sinal de pulcritude, de estilo e de personalidade.

Porque para levar algo na cabeza unha de dúas: fan falta moitos cartos ou moito estilo, e a maioría dos mortais non temos moito de ningunha das dúas.

0.17282700538635