Sometida a información pública a documentación do proxecto do parque eólico Paradela
O DOG do pasado 19 de abril fai público o acordo do 6 de abril do 2022, da Xefatura Territorial de Lugo polo que se somete a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Paradela, nos concellos de Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao.
ANTECEDENTES
O 4 de xaneiro de 2019 Green Capital Power presentou unha solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Paradela. No mes de maio, a promotora presentou a solicitude de modificación substancial para o parque eólico e a dirección xeral solicitou unha copia do proxecto sectorial do parque eólico en materia de ordenación do territorio e urbanismo co fin de obter o informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do chan. Posteriormente, tras comprobar que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m a núcleos de poboación, en marzo deste ano a dirección xeral competente en materia de enerxía enviou a xefatura territorial o expediente, para continuar coa súa tramitación ata completalo e remitilo ao centro directivo.
O proxecto pretende instalar sete naves aeroxeradores con sete centros de transformación instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores. Inclúe tamén unha rede colectora soterrada cos cables de comunicación e os cables de terra que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación elevadora Paradela, co obxecto de evacuar a enerxía xerada.
Ademais, tamén se colocaría unha torre meteorolóxica de 120 m de altura, con función de torre permanente do parque e capacidade autoportante e unha subestación eléctrica elevadora Paradela de intemperie, con dous niveis de tensión de simple barra e a liña aérea de alta tensión.
Isto supón tamén unha obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas dos aeroxeradores e gabias de cablaxe.
Desta forma faise público o proxecto de execución das instalacións para os efectos da súa autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.
A publicación destes documentos ten como fin que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contarán a partir do día 20 de abril.