Sonia Arias, escritora: "Vidul é a base ou esencia de min como persoa e escritora"
Falamos con Sonia Arias, escritora paradelense e autora do libro ‘Los zapatos del lobo’, unha obra que trata temas sociais
Por Jessica Fernández.
Sonia Arias López, escritora e autora do libro ‘Los zapatos del lobo’ é dunha parroquia de Paradela que se chama Vidul, “onde os nenos sempre estabamos mesturados cos maiores. Iso valeunos para rozar a madurez con certa precisión e tamén colleitar valores que resultan difíciles de esquecer; dende os cales podemos ver un cambio importante na sociedade sobre todo referido aos avances tecnolóxicos. Teño as ideas claras, pero nunca fixas, e tras estudar psicoloxía positiva aprendín a ampliar perspectivas e a ser máis flexible”.
Para a escritora, o amor por este mundo vén das lecturas, pero tamén vén por “non soportar un mundo cheo de inxustizas e ter en conta a aprendizaxe de saber canalizar as emocións que iso me deixa no día a día. Aprender polo camiño sen deixar de escribir sobre as persoas que, dalgún xeito, son capaces de apodrentar toda a froita do cesto. Non é fácil, ás veces, chegar á tranquilidade cando a sociedade segue mostrando a cara do egoísmo, racismo, maltrato…”, explica.
Referido a inspiración, sostén que hai uns momentos máis propicios para desenvolver o feito literario, “pero a inspiración realmente non existe, o que existe é o traballo diario, a constancia ou a paixón por algo. No meu caso a observación xoga un papel importante”. No 2018 sacou o seu primeiro libro de poesía, Campos de batalla, e no 2019 publicou Manchas de frío; ámbolos dous a través da editorial Angels Fortune Editions. “Os dous son unha poesía reivindicativa onde falo de temas socias, pero de maneira poética. Cada un deles trata de distintos temas para ampliar canto poida todo aquilo do que considere que teño que falar” explica Arias.
O MÁIS PERSOAL
Sonia Arias escribe sempre poñendo como escenario Vidul, a súa parroquia natal, onde viviu os primeiros vinte anos da súa vida e para ela “é a base ou a esencia como persoa e como escritora”.
Tamén ten moitos recordos e lembranzas do seu pai e avós, así como as grandes amizades, “resaltando a miña mellor amiga, que é de alí e por fortuna podo gozar hoxe en día dela. Seguimos sendo as mesmas”.
Por outra parte, Arias sostén que escribe “porque parte todo dunha necesidade persoal, onde se trata de sacar o que teño dentro para entender o que sinto. Darlle sentido e lugar á emoción”.
Por iso, cando escribe “sobre eses temas ou asuntos que me preocupan na actualidade, a verdade é que quedo moi satisfeita. Outro tipo de compensación non persigo”. Ademais, di que se sente querida en xeral, “pero non son unha persoa que busca a aprobación de todo o mundo en ningún aspecto da miña vida”.
ARREDOR DA LITERATURA
Con respecto a se participa en clubs de lectura, di que non o fai “por falta de tempo, pero si que leo moitos libros e interésome por ler os que me recomendan os bos lectores. Paréceme unha idea interesante para mover e fomentar a cultura, como as presentacións, que son unha forma de dar a coñecer un libro de maneira íntima ou achegada e poder establecer un diálogo cos lectores”.
Da mesma maneira faino na composición das súas obras, xa que escribe “con moita honestidade e sen disfrazar nada. Falo da realidade coas seis emocións básicas que no seu día identificou Paul Ekman: enfado, tristeza, sorpresa,alegría, medo ou asco, porque para min forman parte dun esquema inicial para tocar calquera tema da actualidade e tamén forma parte da miña liberdade”, destaca.
Ademais, cre que cada xénero serve para contar cousas ou temas distintos. “Pode que a poesía sexa algo máis natural no que cada vez intento concentrar máis intensidade con menos palabras. Pero co relato vexo outra disciplina porque necesito outro tipo de información, datos, estudos ou simplemente moitas lecturas de novela como no caso de Los zapatos del lobo, que lin novelas de feitos reais con testemuñas necesarias e emotivas da literatura concentracionaria que me axudaron a ser máis valente dentro dos temas delicados”.
'LOS ZAPATOS DEL LOBO'
Afondando no libro, este é unha obra de “valentía”, tal e como sostén Sonia Arias, composta por todos os temas que lle parecen interesantes con respecto á sociedade “e dos que a xente non fala por medo”. Así, di que “estou sendo a ovella negra da sociedade e empatizo moito coa situación da sociedade marxinada”. Así, no libro fixo unha análise sobre a violencia de xénero, o suicidio, o acoso escolar e máis temas duros nos que quere involucrarse. Tamén ten puntos de humor, xa que quere “rebaixar o nivel de crispación que hai na sociedade” con humor, pero tocando todos os temas. Los zapatos del lobo, en definitiva, “trata de poñerse no lugar dos demais, empatizar de verdade, e sobre todo nos lugares pequenos”.
PROXECTOS FUTUROS
Ao ser preguntada polos proxectos futuros, a escritora sostén que os escritores “somos mentes inquedas, así que sempre vai haber algo”. A editora do libro Los zapatos del lobo, Isabel Montes, confirmou na presentación que proximamente “empezaríamos a gravar unha cortometraxe dun relato do meu anterior libro Manchas de frío e estamos rematando coa adaptación do guión. Sen dúbida é unha editorial que evoluciona e prospera con paso firme e da cal me sinto moi orgullosa”, conclúe.