Sonia Arias presenta 'Antes pasábase por aquí' na Casa da Cultura de Sarria

Este venres, 23 de maio, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura de Sarria acollerá a presentación de Antes pasábase por aquí, o primeiro libro en galego de Sonia Arias, unha obra que parte da memoria persoal para ofrecer unha profunda reflexión poética sobre o abandono progresivo do rural galego.
No acto estará presente o concelleiro de Cultura, César No, que acompañará á autora nun momento clave da súa traxectoria. O libro está inspirado no pobo natal de Arias, Vidul, e nace dunha frase que seu pai lle repetía cando camiñaban polo monte: “Antes pasábase por aquí”. A partir desa lembranza, Arias constrúe un relato emotivo e reivindicativo sobre a perda de camiños, costumes, lingua e identidade, trasladando a historia dun lugar concreto a unha realidade que afecta a moitas aldeas de Galicia.
Con esta primeira obra en galego, Sonia Arias non só dá voz ao esquecemento, senón que manifesta o seu compromiso coa memoria e a resistencia cultural dos territorios que loitan por non desaparecer.