Sonia Romay, xerente da Facenda Farruquiño: “Apreciamos moito o bo facer e o noso produto é de calidade”

SarriaXa
Falamos con Sonia Romay, xerente da empresa Facenda Farruquiño SLU, que abriu unha tenda recentemente en Sarria.
Facenda Farruquiño Sarria
24 Dec 2023

Falamos con Sonia Romay, xerente da empresa Facenda Farruquiño SLU, que abriu unha tenda recentemente en Sarria.

Como xorde a idea de crear esta empresa?

Facenda Farruquiño, é unha pequena empresa de alimentación e elaboración que nace no 2016 a partir dunha gandería familiar co fin de comercializar e poñer en valor os nosos animais criados na casa, nun momento no cal a industrialización das carnes que se comercializaban facían difícil a existencia de ganderías que tiñan procesos de produción lenta e coidada, como a nosa.

Por iso decidimos crear Facenda Farruquiño, para ter a nosa propia marca e darlle valor ao ben feito. En esencia, somos a terceira xeración dunha familia de gandeiros produtores de gando vacún e porcino.

Como é a produción dos produtos?

En Facenda Farruquiño apreciamos moito o bo facer e a sustentabilidade do de antes. É por iso que despois da xubilación dos nosos antecesores aproveitamos o seu legado para facer un embutido na Fonsagrada a partir da nosa materia prima, que nós cualificamos como excelente.

Os porcos criados na gandería Facenda Farruquiño, en Cospeito, teñen un trato moi coidado, dende que van ao matadoiro ata o momento de traballar a materia prima. Coidamos moito o trato e manexo nos desprazamentos ata A Fonsagrada, onde se fai o proceso artesanal e a súa curación para darlle saída a ese embutido tan especial.

Que produtos ofrecen?

Ofrecemos unha cesta da compra integral, dende produtos do agro galego seleccionados, ademais os elaborados da nosa propia marca, coma os salgados do porco, cacheiras, lacón, soá e o noso embutido feito e curado na Fonsagrada.

Traballamos moi ben os produtos de primeiras marcas, os de toda a vida, con moi bos prezos e ofertas, algo que os nosos clientes valoran moito. Ofrecemos de todo sen ter que moverse moito, xa que hoxe en día non hai moito tempo. O que buscamos é ofrecerlle ao cliente unha cesta completa, produtos frescos, carnicería de primeira, froita, conxelados...

Como é o trato cos provedores?

A verdade é que temos un número importante de provedores dos que seleccionamos o mellor e  normalmente compramos sempre aos mesmos. Somos metódicos e traballamos con moito rigor. Sempre que é posible, damos preferencia aos provedores locais.

Teñen máis sedes noutros lugares, por que?

Estamos en Burela, Abadín, Cospeito e Sarria, e ademais temos unha liña de Autovenda con diferentes rutas pola provincia de Lugo.

Por que son importantes estes sitios para un lugar como Sarria?

Sempre tivemos Sarria como referente. É unha zona, para nós, referente en forza, en emprendemento... é un pobo que coida e valora o mercado local, nós sempre respectamos e compartimos iso. Se nós mesmos non somos capaces de apreciar e darlle valor ao noso, os demais tampouco, e sempre quixemos poñelo en Sarria polos nosos principios.

Ademais, aprecian o bo facer. Cremos que poden valorar o noso embutido da Fonsagrada que ten unha climatoloxía ideal  para o curado. En Sarria iso valórase porque son de tradición gandeira e de embutido. Non queremos rivalizar con Sarria, pero queremos ofrecerlles o noso embutido de montaña.

Como é o trato co cliente?

O noso modelo de negocio debe ir dirixido a ofrecerlle á vila a posibilidade de recuperar os valores do comercio de sempre, no que hai un produto seleccionado, coidado e elixido polo tendeiro, como antes, que ías comprar un produto e o tendeiro tiña a mellor selección xa feita.

Valoramos o trato próximo co cliente. Nós estamos especializados no cliente tradicional  que cociña para a familia e xestiona a economía do fogar. Non queremos ofrecer moita variedade como unha grande superficie, somos máis partidarios de seleccionar ben e o bo.

Tamén coidamos moito o prezo, porque pensamos na xente e valorar o trato co cliente é empatizar, saber que quere e como o quere xa sen ter que preguntar.

Que expectativas de futuro teñen?

Pensamos que é un sector que está en continuo movemento. Non hai estancamento, porque hai un mundo de posibilidades para avanzar. Hai moitas opcións para aprender e medrar, e está en continuo desenvolvemento.

Ademais, aínda que pareza que hai unha fenda xeracional no sector, o que é bo sempre é bo. Esta é a esencia de todo, o que foi bo ten que seguir sendo bo, haberá que darlle forma e conducilo ás necesidades actuais da poboación.

O noso obxectivo é seguir medrando, consolidar e estruturar a nosa empresa arredor dos nosos piares fundamentais: o equipo de traballadores son o noso piar, por iso un dos obxectivos é consolidar o equipo de Farruquiños. Sempre sen esquecer as nosas raíces, a nosa gandería, a nosa marca. Temos claro de onde vimos e a quen nos debemos, fundamentalmente aos traballadores que abren e pechan as tendas cada o día, que dan a cara, que ofrecen o mellor de si mesmos para seguir mellorando.

Facenda Farruquiño
0.15844202041626