Tania Balboa: "O obxectivo é que os rapaces e rapazas poñan o foco en tocar xuntos, escoitarse e aprender"

A Banda de Música da Comarca de Sarria organiza o III Obradoiro da BMCS en Vento Madeira, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, e que culminará cun concerto de clausura o domingo 12 ás 12.30 horas. A actividade, dirixida a nenos e nenas a partir de 7 ou 8 anos, pretende ofrecer unha experiencia máis alá das clases e ensaios habituais, permitindo aos participantes perfeccionar a súa técnica musical e traballar en grupo.
Nesta terceira edición, xunto cos tradicionais clarinetes e saxofóns, incorporáronse tamén frautas, oboes e fagots, ampliando a experiencia a toda a familia de vento madeira. Os contidos do obradoiro inclúen a formación de distintos grupos instrumentais, o desenvolvemento do espírito de grupo, o fomento da colaboración entre alumnado de diferentes idades e o goce da contorna natural de Triacastela. A música de banda, esencialmente colectiva, servirá de eixo para fomentar a escoita activa, a colaboración e o compromiso entre todos os participantes mediante xogos e dinámicas grupais, aproveitando un entorno idóneo para desconectar da rutina e convivir coa natureza.
O obradoiro contará cun destacado profesorado formado por Susana Ratón Varela, de Chantada; Adrián Balboa Valcarce e Tania Balboa Valcarce, de Triacastela; Fátima Durán Ortega, de Cuntis; Manuel Montero López, de Sarria; e Xosé Fernández Arias e Claudia Rico Echegaray, de Lugo.
Para Tania Balboa, que participará por primeira vez neste obradoiro, a experiencia resulta especialmente significativa. “Levo desde que rematei a carreira en 2013 como profesora de oboe, música e movemento e de linguaxe musical, e participei en campamentos e obradoiros, pero este ten algo especial: está enfocado ao traballo en grupo e a desenvolver durante dous días a sección de vento madeira dunha banda. Traballaremos en grupos de instrumentos cada un coa súa parte e logo xuntaremonos para traballar toda a sección xunta. O obxectivo é que os rapaces e rapazas poñan o foco en tocar xuntos, escoitarse e aprender a facer grupo. Tocar só é diferente; todo músico quere tocar con outros músicos, e a banda de música da comarca será unha forma de verse reflexados”, explica.
Balboa subliña que o obradoiro non só busca o progreso musical, senón tamén a convivencia e o descubrimento de novos instrumentos e amizades: “O alumnado que xa toca en bandas vai consolidar o aprendido, e os que non, descubrirán o marabilloso mundo das bandas. Aprenderán a compartir, facer amizades, escoitar aos demais, saber estar nun primeiro plano e tamén nun segundo”.
A profesora destaca tamén o valor de celebrar a actividade en Triacastela: “É un valor incalculable poder facelo aquí, no meu colexio, ao lado das familias que coñecemos. É unha oportunidade de ofrecerlles o que aprendín musicalmente e tamén como persoa, para que aprendan a ser compañeiros, a axudar e a escoitar aos demais. Ademais, teremos tempo para rutas pola zona, contacto coa natureza e xogos polas noites. Subir ao colexio e saír nos descansos xa é un privilexio diante da montaña”.
O III Obradoiro de Vento Madeira promete ser unha combinación de aprendizaxe, música, diversión e convivencia, consolidándose como unha cita imprescindible para calquera rapaza ou rapaz que queira medrar como músico ou como persoa.