Teatro Airiños leva a Sarria a súa obra ‘As vellas non deben de namorarse’

Este domingo, 5 de outubro, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Sarria acollerá a representación da obra As vellas non deben de namorarse, a cargo do Grupo Teatral Galego de Asados, Teatro Airiños, de Rianxo.
Será a primeira ocasión na que a compañía actúe en Sarria e tamén na provincia de Lugo, un debut que afrontan con ilusión e que convidan á veciñanza da vila e dos concellos próximos a compartir.
Segundo destacan desde a agrupación, chegan con “todas as ganas, con todo o entusiasmo e con todo o cariño” para presentar esta montaxe que supón unha adaptación da clásica obra Os vellos non deben de namorarse de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Estreada en 1941 en Bos Aires, trátase da única peza teatral escrita polo autor rianxeiro, convertida nun dos textos máis representativos do teatro galego. A obra combina elementos de comedia e crítica social, empregando personaxes populares e diálogos cargados de ironía para reflexionar sobre a vellez, o amor e a condición humana.