Teatro e poesía conmemorarán mañá a Rosalía na provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os Quinquilláns, Urdime e Culturactiva levarán aos concellos da provincia tres montaxes inspiradas na autora no Día de Rosalía.
boceto rosalia de castro cartel (3)
23 Feb 2021

Os Quinquilláns, Urdime e Culturactiva levarán aos concellos da provincia tres montaxes inspiradas na autora.

A Deputación de Lugo presentou  a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.

Tomando como punto de partida esta data, organizará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras A pluma viva de Rosalía de Os Quinquilláns, Rosalía de Fina Calleja e A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.

Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.

Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, que sitúan a esta autora cabeceira da literatura galega tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura. Cremos que inciden nese carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década, co impulso do mundo da cultura e do ensino. Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía.

Debido á situación sanitaria, neste edición optaron por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano.

MUSEOS

O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial (o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla)  agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema Cando a luniña aparece de Cantares Galegos, e unha fror natural.

As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións.

A Deputación sumarase á lectura do manifesto do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que se celebrará o 24 de febreiro ás 11.30 horas no Parque de Rosalía.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14354991912842