Tensión e debate pola situación do matadoiro de Sarria nun pleno de case catro horas
O pleno do Concello de Sarria vén de aprobar as modificación de crédito propostas de Camiña Sarria, unha de 47.000 euros para poder adquirir un tractor e un remolque co fin de acometer traballos necesarios no municipio; e outra de 103.000 euros para xestionar a herdanza de Manuel Sobrado, para reparar a caldeira avariada do matadoiro e para material e o pago dos tribunais dos procesos selectivos realizados no proceso de estabilización de emprego do Concello de Sarria.
Ademais, Camiña Sarria levou a pleno unha moción que instaba a que todos os días estea operativo o parque de bombeiros e que se hai algún día que teña que pechar, que se informe dos motivos e que se comuniquen os cambios. Con todo, din que os servizos de emerxencias deben ser suficientes para garantir a seguridade dos veciños.
E tamén foi aprobada a moción de Camiña Sarria que pedía que se esixa á Deputación de Lugo que se arranxen as estradas de titularidade provincial ao seu paso por Sarria, que contou co apoio do PP e do BNG, aínda que Efrén Castro lembrou que tamén habería que mellorar as vías municipais e que a Xunta tamén podería axudar coas da súa titularidade.
AS MOCIÓNS DA OPOSICIÓN
Pola súa parte, o BNG de Sarria presentou unha moción para pedir que se aumenten os horarios de apertura da piscina climatizada de Sarria. Esta foi aprobada cos votos a favor dos tres partidos da oposición e os votos en contra de Camiña Sarria. Efrén Castro, portavoz municipal do BNG, declarou que “esperamos se aumente o horario de apertura cando menos mentres dure o peche da piscina de Monforte para que todos poidamos desfrutar desta instalación con normalidade”.
No caso do PSOE, presentou unha moción para pedir que a Torre da Fortaleza volva ser de dominio público, despois de que fora mercada por un particular no mes de agosto, unha proposta que foi rexeitada polos votos en contra de Camiña Sarria e a abstención dos populares. Así, instaron ao Goberno local a que faga unha consulta á Dirección de Patrimonio Cultural para determinar se se comunicou a compra tres meses antes de facela efectiva. De non ser así, din, a Xunta podería exercer o dereito de retracto e adquirir o monumento para que fora público para os sarriaos, amparándose na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Mentres, desde o PP levaron a pleno a elaboración dun plan de dinamización integral para o aproveitamento da praza de abastos, que leva semanas pechada “ante a pasividade do goberno municipal”. Esta moción foi aprobada co apoio dos partidos da oposición. Así, os populares instaron ao goberno local no pleno a elaborar este plan no que se inclúan programas de promoción, mellora da infraestrutura e modernización das instalacións co fin de adecualas ás necesidades de novos comerciantes e usuarios.
O MATADOIRO, PUNTO DE ENCONTRO DA OPOSICIÓN
Os tres partidos da oposición presentaron mocións no pleno para instar ao goberno local a que reabra este servizo municipal necesario para o sector gandeiro, un dos máis importantes da comarca de Sarria.
Desta maneira, Efrén Castro, portavoz do BNG, di que “este é o peor momento para pechar este servizo, xa que hai moitas familias que viven do sector cárnico e agora vén o inverno”. E engadiu: “Xa sabemos que é complicado xestionar o servizo, pero non pode deixar de apostar por un servizo necesario só por ser complicado, se non, é mellor que non sexa alcalde”. A súa moción para esixir a reapertura inmediata do matadoiro foi aprobada co apoio dos tres grupos da oposición.
Pola súa parte, Carmen José López, portavoz do PP, acusou ao alcalde de “enganar” á poboación de Sarria e animouno a que, coa modificación de crédito para arranxar a caldeira do matadoiro, poida reabrir o matadoiro, unha opinión que compartiu o portavoz socialista, Benjamín Escontrela. Os populares pediron a comparecencia da responsable do matadoiro, Geni Valcárcel, outra proposta que foi aprobada, co fin de que, no próximo pleno ordinario ou extraordinario, “informe sobre a xestión do servizo e responda de forma clara e detallada ás preguntas formuladas polos membros da corporación municipal e defina a planificación e estratexia para garantir a continuidade do servizo”, indican.
Finalmente, os do PSOE presentaron unha moción pedindo a dimisión do alcalde pola deriva do servi zo do matadoiro, denunciando a “absoluta falta de xestión e responsabilidade” do Goberno local e acusan a Camiña Sarria de “inacción e falta de control”. Así, coa moción aprobada polos demais grupos da oposición, os socialistas dixeron que o alcalde é “responsable do peche do matadoiro, xa que é produto da súa incompetencia e desidia”. Aseguran que o peche producirá unha “perda económica e de capacidade de centralidade do sector gandeiro para o concello con respecto á comarca”.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Desde o Goberno local inciden en que nunca quixeron pechar o servizo do matadoiro, senón que se propuxo o cambio de xestión, polo que se mantiveron reunións cos profesionais do sector cárnico para informalos sobre a situación económica e técnica do matadoiro, e ofreceron unha solución baseada en que foran eles mesmos, os profesionais do sector, quen asumiran a xestión. Porén, desde o Goberno local din que “non estiveron interesados”.
Ademais, o alcalde, Claudio Garrido, explica que se reunirá coa conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia para chegar a algún acordo para que a entidade autónoma poida financiar dalgunha maneira a supervivencia do servizo.
Desde Camiña Sarria sosteñen “que é o único matadoiro municipal da zona e a súa reapertura é importante para moitos sectores, pero non recibimos ningunha resposta”.
Durante o pleno, Claudio Garrido defendeu que nunca dixo que o matadoiro ía pechar, pero tampouco pode asegurar cando poderá abrir. Di que están valorando “todas as opcións existentes para poder promover a reapertura do matadoiro”, pero lembra que o Concello de Sarria “non pode asumir o custo do servizo”. Así, argumentou que se fixo desde o Concello un estudo económico que deixa claro que “é imposible que o Concello de Sarria xestione o servizo; hai unha falta de viabilidade económica evidente”.