Tere Capellá, de Huellas Sarria: “Necesitamos voluntarios para mellorar a vida dos animais”

Jessica Fernández
“Empezamos en 2016 porque o Goberno local daquel entón cancelara o convenio que tiña coa Protectora de Lugo, e unhas cantas persoas de aquí que nos coñeciamos empezamos a axudar ao concello como voluntarios”, lembra Tere Capellá, presidenta de Huellas Sarria. Aquel primeiros pasos marcaron o inicio dun grupo que, tras tres anos de colaboración co Concello, en 2019, e coa chegada dun novo equipo de goberno, a asociación desvinculouse definitivamente da administración local. “Aí foi cando nos fomos para unha finca alugada algo máis lonxe do núcleo urbano. A nosa idea de futuro é poder mercar esta finca, pero por agora pagamos un alugueiro os socios coas nosas cotas, pero tamén das actividades que realizamos”, explica Capellá. Actualmente, Huellas Sarria ocúpase de oito cans, a maioría deles acollidos desde aquela ruptura co Concello, aínda que tamén atenden outros casos que chegan por cesións de familias que non poden facerse cargo ou doutras protectoras.
A presidenta subliña que o seu papel non pasa por recoller animais na rúa, unha competencia que corresponde ao Concello: “Nós non recollemos na rúa, que é un deber do concello. Nós axudamos a visibilizar estes abandonos e poñémolos en redes, pero só nos facemos cargo daqueles cans que chegan a nós por particulares ou protectoras que nos ceden”.
Pola súa parte, desde o Concello de Sarria defenden o modelo actual baseado no convenio con Rescates Garatuxa, ao estar recoñecido como refuxio pola Xunta de Galicia e cumprir coas condicións necesarias para acoller o volume de animais abandonados no municipio. Segundo datos municipais, o pasado ano recolléronse 57 cans e entre seis e sete gatos, cifras que se están repetindo neste exercicio. O Concello usa as naves do campo da feira nas que permanecen os animais antes de seren trasladados ao refuxio. A pesar de manter camiños distintos, desde o Concello valoran de forma positiva o traballo de Huellas Sarria, especialmente a súa implicación no control de colonias felinas xunto a voluntarios e clínicas veterinarias. Pola súa parte, desde Huellas Sarria non comparten o modelo de xestión de Garatuxa e lembran que é unha empresa privada, mentres que Huellas é unha asociación sen ánimo de lucro.
O refuxio de Huellas Sarria sobrevive grazas ao esforzo das súas socias e á colaboración veciñal. Con apenas seis persoas na asociación, son dúas as que acoden de maneira habitual á finca para coidar dos animais, xunto cunha traballadora contratada que garante a atención diaria. “Facemos o que podemos cos nosos recursos, pero non podemos ter todos os cans que quixeramos nin a infraestrutura que nos gustaría, aínda que temos canís amplos”, explica a presidenta, Tere Capellá. A entidade mantén actualmente a oito cans nas súas instalacións e asume os gastos de alimentación, limpeza, medicación, gastos veterinarios e o mantemento das instalacións. O apoio da persoa contratada resulta clave para o funcionamento do refuxio. “Vén de luns a venres polas mañás e un par de tardes para coidar os cans e darlles de comer, así como os saca, límpaos e lles administra a medicación”, sinala Capellá, que destaca a importancia de contar con esta axuda profesional.
Máis alá do coidado dos animais, Huellas Sarria sostense tamén grazas a un mercadiño solidario situado na Rúa Liberdade 136, aberto dúas tardes á semana: os mércores e os venres. “Alí recibimos doazóns que son moi necesarias para poder levar a cabo o noso traballo, porque ademais de coidar dos cans, hai que coidar da finca, pagar o alugueiro, os gastos de alimentación, o veterinario, así como a nómina da persoa contratada”, afirma a presidenta.
A NECESIDADE DE APOIO
A colaboración entre asociacións que protexen os animais converteuse nun piar fundamental para a labor que desenvolve Huellas Sarria. Así o defende a súa presidenta, que subliña que “é de vital importancia a sinerxía entre protectoras, tanto de cans como de gatos, porque precisamos colaborar, porque se non, sós, non imos a ningures”. O traballo en rede permite compartir recursos e materiais que resultan esenciais en momentos puntuais, ademais de facilitar a procura de familias para os animais que agardan adopción. “O importante é que as asociacións sexan á súa vez como asociadas. Poder axudarnos no que sexa, como en compartir materiais que nos poden facer falta nalgún momento. E, sobre todo, para avisarnos de se hai algún animal perdido ou que precise un fogar”, explica Capellá.
No caso de Sarria, a asociación comezou a implicarse tamén no control de colonias felinas, unha tarefa que consideran prioritaria polo elevado número de gatos rúa que existen na localidade. “Nós agora estamos empezando a controlar as colonias de gatos, xa que hai moitísimos en Sarria, e compartimos en redes os que atopamos pola rúa ou derivámolos a protectoras como Miau Lemos ou Michos Lugo”, sinala a presidenta. Algo que tamén valoran e agradecen desde o Concello: “O labor que fai Huellas Sarria coas colonias de gatos é honorable”.
O contacto constante con outras entidades tamén facilita a atención e a adopción de cans e gatos. “Estamos en continuo contacto para atoparlle un fogar aos animais, sexan de onde sexan”, insiste Capellá, convencida de que a unión entre protectoras é a chave para afrontar o reto do abandono animal na comarca.
A pesar do esforzo, Huellas Sarria ten limitacións, xa que, como destaca Capellá, o maior reto é a falta de persoal voluntario que dea continuidade ao proxecto. “Agora mesmo, o máis importante, á parte da adopción, que iso sería o primeiro de todo, serían os voluntarios, porque temos esa persoa que vén pola semana, pero moitas tardes, as fins de semana, os festivos, as vacacións… facémolo entre dúas”, explica. A carga de traballo, asegura, condiciona a súa vida persoal. “Ás veces é complicado porque non tes tempo libre de calidade. Eu creo que o voluntariado sería importante, pero un voluntariado un pouco comprometido, porque durante estes anos houbo moita xente, pero cada quen vai facendo a súa vida, cambiando de prioridades e se vai desvinculando”, lamenta. Ademais, Capellá considera necesario un maior respaldo institucional.
O refuxio conta con instalacións básicas que non cobren todas as necesidades. “Quixeramos chegar a ser un centro de recollida autorizado, pero agora mesmo o que temos cobre as necesidades para o que somos, un refuxio privado dunha asociación. No seu día, encargamos un proxecto, e coa obra e con todo íasenos a uns 30-40.000 euros. Obviamente, se non nos axudan a financialo, non o podemos pagar”, apunta Capellá. Lembra que houbo un intento de crear un refuxio comarcal con apoio da Deputación de Lugo, pero non prosperou debido ao voto en contra da oposición por situarse no Mazadoiro, porque estaba preto da residencia de anciáns, “e esa foi a escusa que puxeron”, afirma. Para Capellá, aquela iniciativa tería sido clave: “Iso tería sido un ben para a comarca, porque ademais a recollida e xestión dos animais abandonados débese facer por lei e moitos concellos de Galicia non o cumpren. É un perigo ter animais abandonados porque é un tema de seguridade cidadá, xa non só polo animal, que tamén, senón porque se cruzan nas estradas e se producen accidentes”.
De cara ao futuro, Huellas Sarria mantén clara a súa prioridade: atopar un fogar para os cans que viven no refuxio. “A prioridade é coidar deles e que poidan estar nunha casa antes de morrer, que son todos boísimos”, asegura. A presidenta admite, porén, que a continuidade do proxecto dependerá de que se sume máis xente ao traballo voluntario. “Se non hai máis voluntarios que poidan cubrirnos, que veñan un pouco a renovar as ganas ou as forzas, non sei no futuro, cando xa non estean estes cansiños, que faremos”, confesa. E engade que espera “cumprir os dez anos o ano que vén e, a partir de aí, a idea sería poder mellorar: facer aquí unha construción boa, mercar a finca e seguir con Huellas Sarria como ata agora, como un refuxio privado. Depender das institucións non sempre facilita, pero estamos abertas a colaboracións e, sobre todo, a voluntarios e voluntarias”.