Terminalidade de Antón Lopo eríxese como a obra gañadora do Fiz Vergara Vilariño
A XXII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño conta xa con obra gañadora, a seleccionada por unanimidade por parte do xurado foi Terminalidade de Antón Lopo.
O xurado decidiu por unanimidade que esta fose a obra gañadora, presentada baixo o lema Terminalidade, da que resultou autor Antón Lopo.
A obra destaca pola súa ambición temática, que vai dende a dureza dos coidados á nai anciá á reivindicación de todo tipo de relacións afectivas, salferida dun hedonismo vital e lingüístico.
Irónico, autoconfesional, brutal... este poemario pón de relevo unha voz ousada que se busca nunha xeografía global para chegar a un “azul Monforte” en plena madurez sensitiva.
A voz poética, por momentos teatral, derruba as fronteiras entre os xéneros literarios baixo unha apariencia de diario ou crónica dotando dun novo alento o verso longo.
O xurado desta XXII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, reuniuse de xeito telemático e estivo composto por Olalla Cociña Lozano, Ismael Ramos Castelo e Xosé Luís Mosquera Camba, actuando como secretaria estaba a presidenta de A.C. Ergueitas, María Casar Díaz e como presidenta a concelleira de Cultura de Sarria, Reyes Abella García.
O xurado quixo destacar a enorme calidade de varias das obras que chegaron ó debate final, nomeadamente os libros presentados baixo os lemas Pantera, A inmensidade e Roteiro.