Tesouraría detecta “unha posible deficiencia” no cobro do matadoiro do Concello de Sarria
O Concello de Sarria vén de actualizar o sistema de facturación e cobro da taxa polos servizos do matadoiro municipal, suprimindo os pagamentos en efectivo que desde anteriores mandatos acostumaban a realizar os usuarios particulares, tras detectar o Departamento de Tesouraría a finais do pasado mes de xullo “unha posible deficiencia” que estaba “a dificultar o seguimento e control da recadación”.
Na xornada de onte, o alcalde, Claudio Garrido, ordeou ao Departamento de Tesouraría a apertura dun expediente informativo para inspeccionar e aclarar o procedemento de emisión, cobro, recadación, tramitación, xestión e ingreso dos albaráns dos últimos catro anos, solicitando para a realización deste traballo a colaboración dos antigos tesoureiros municipais Diego Gonta e Natividad Chaos.
O pasado día 31 de xullo, o Departamento de Tesouraría trasladou ao rexedor local “unha posible deficiencia” na facturación da taxa polos servizos do matadoiro, “elaborada nas dependencias do matadoiro polos propios matarifes”. Fundamentalmente, referíase ao procedemento de xestión utilizado para o cobro dos albaráns emitidos aos usuarios particulares do matadoiro, que historicamente viñan realizando os pagos en efectivo para o seu posterior ingreso nas contas municipais.
Ante dita advertencia, o alcalde ordeou o mesmo día 31 de xullo aos empregados do matadoiro “que emitan factura (non só albaráns) de todos os servizos que presten no matadoiro, sen excepción” e autorizou ao persoal de Tesouraría a acceder ao arquivo do programa informático do matadoiro para inspeccionar os albaráns dos últimos catro anos.
Adicionalmente, desde comezos do pasado mes de agosto todos os albaráns emitidos polos servizos do matadoiro especifican que os pagamentos deben realizarse nun prazo máximo de 10 días mediante transferencia ou ingreso en efectivo en dúas contas correntes que o Concello de Sarria posúe nas entidades Abanca ou BBVA.
Claudio Garrido salienta que coa apertura do expediente informativo ordeada onte preténdese “verificar se hai débedas tributarias impagadas polos usuarios do servizo ou pendentes de ingreso nas contas municipais, actuando con total transparencia e o máximo rigor para correxir unha deficiencia na xestión do matadoiro que parece que se viña arrastrando desde mandatos anteriores á chegada de Camiña Sarria ao goberno”.