Todo listo para a III Concentración Motera de Sarria Bikers

Xa está todo preparado para celebrar a III Concentración Motera de Sarria de Sarria Bikers na que, durante tres días, os amantes das motos poderán gozar de rutas, concertos, exhibicións e diversas actividades nun evento aberto a todo o público.
O evento dará inicio este venres, 9 de maio, coa apertura de inscricións ás 18:00 horas, seguida dunha pancetada e o concerto do grupo Malenne, pechando a noite co DJ Cendoi.
O sábado 10 de maio, a xornada arrancará cun almorzo motero e unha ruta libre con petiscos. Ao mediodía, a música tomará protagonismo coa Mekanika Rolling Band na sesión vermú. Pola tarde, haberá xogos motoristas e porco mecánico, ademais dun espectáculo de acrobacias a cargo de Acuko Stunt Rider no Campo de A Ribela.
A xornada culminará cunha Ruta de Fachos en memoria dos moteros falecidos, a cea no pavillón e o concerto do grupo Claxxon, seguido novamente de DJ Cendoi.
O evento pechará o domingo 11 de maio con máis rutas, sorteos e agradecementos, concluíndo co xantar de despedida no pavillón.