Todo listo para celebrar en Sarria a IV edición do festival Ultreia et Suseia

SarriaXa
O festival Ultreia et Suseia reúne artistas galegos en Sarria cunha programación diversa que inclúe música, danza, teatro e narración oral entre o 14 e o 20 de xullo
presentacion-Ultreia-et-Suseia-Sarria-2025
10 Jul 2025

Vén de presentarse o cartel da cuarta edición do festival Ultreia et Suseia, organizado por Etiqueta Negra e que conta co apoio do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, que se celebrará entre o 14 e o 20 de xullo.

O evento, conformado integramente por artistas galegos, busca consolidarse como un dos mellores escaparates para que asociacións e artistas galegos mostren o seu talento en Sarria.

Así, o programa inclúe espectáculos de narración oral, danza, teatro, música en directo e humor. O cartel está formado integramente por artistas galegos, como Luis Zahaera, que ofrecerá un monólogo o día 18. Ademais, o festival concede especial protagonismo ás asociacións culturais da comarca, que participan activamente nas actividades.

A aposta desta edición é clara: actividades para todos os públicos, nunha variedade de espazos repartidos pola vila, que convida a veciñanza e visitantes a redescubrir Sarria a través da cultura e a convivencia. Ademais, o festival reforza o seu compromiso cun modelo de turismo sostible, que pon en valor o territorio, a lingua e os recursos locais sen perder a identidade.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou "a aposta do colectivo por incorporar ao programa ao tecido cultural e asociativo de Sarria e da comarca, un compromiso que asumimos como propio desde a área de Cultura e que guía tamén a colaboración con este festival con propostas como o paseo teatralizado e a foliada aberta previta para o 20 de xullo".

Pola súa parte, o delegado territorial, Javier Arias gabou a “orixinalidade” deste festival, que valorou como “unha gran oportunidada para exhibir todo o traballo cultural que se fai en Sarria” e promocionar “o talento artístico que temos en Galicia”.

Tamén o concelleiro de Cultura de Sarria, César No, destacou o evento: "Ultreia et Suseia é moito máis ca un festival: é un exemplo do poder transformador da cultura e da colaboración entre as persoas e colectivos que forman parte da vida sarriá". E engade que "a forza das asociacións de Sarria é a columna vertebral deste proxecto. Sen a súa ilusión, capacidade de traballo e compromiso coa cultura, Ultreia et Suseia non sería posible", destaca. Finalemente, espera "que esta edición será unha nova mostra do que podemos conseguir cando traballamos en común e co corazón posto na nosa lingua e na nosa identidade", conclúe.

PROGRAMA DO ULTREIA ET SUSEIA

O programa comeza o 14 de xullo con Contos Sonoros, unha proposta que fusiona música en directo e narración oral, da man de Cándido Pazó e da Banda de Música de Sarria. Este formato volverá o día 17 coa narradora Carmen Domech, acompañada pola Banda da Comarca de Sarria.

Tamén estará a Danza no Camiño, un proxecto de danza na rúa vencellado ao Camiño de Santiago, e que terá paradas en Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela na súa cuarta edición.

Xa o 15 de xullo terá lugar un obradoiro de baile tradicional infantil achegará a danza galega aos máis pequenos, mentres que pola noite celebrarase a primeira Camiñografía desta edición, coa participación de Axeigo e Pepe e Lucas.

Tamén haberá narración oral infantil con César No o 17 de xullo, a primeira edición das Olimpiadas Rurais o 18 de xullo, orientada ao público infantil, e o monólogo de Luis Zahera ese mesmo día.

O día 19 terá lugar a representación de A Regueifa Ambulante, de Josiño da Teixeira, Lupe Blanco e Manolo Maseda. Tamén actuarán este día os artistas Ryu e Saha, Carabela (gañadores do Premio NARF 2024) e a asociación Rúa da Música.

O festival concluirá o 20 de xullo coa segunda edición da Camiñografía coa participación de Meigas e Trasgos, Peleriños e Rebuldeira Teatro, e haberá un encontro participativo que combinará un obradoiro de baile cunha foliada aberta coa asociación Sarricanta, para despedir o festival bailando ao ritmo da tradición galega.

⚙ Configurar cookies
0.14961290359497