Tomé asegura que o PSOE cumprirá os obxectivos estas eleccións
O secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo remarcou este mércores, nas vésperas do arranque da campaña electoral, que o partido “presenta os mellores candidatos e candidatas” e vai cumprir o obxectivo de manter as actuais alcaldías, gañar outras novas e manter a Deputación de Lugo.
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, remarcou este mércores, nas vésperas do arranque da campaña electoral, que os socialistas encaran estas eleccións municipais con “moita ilusión porque saímos a gañar”.
O líder socialista subliñou que o partido presenta “os mellores candidatos e candidatas, e os mellores proxectos de futuro para cada un dos 67 concellos da provincia”, e “non cabe ningunha dúbida de que imos manter o obxectivo que nos fixáramos cando me elixiron Secretario Xeral, que pasa por manter todas as alcaldías que temos neste momento na provincia de Lugo e acadar algunhas máis, ademais de manter a Deputación de Lugo”. Engadiu que o PSOE “está no bo camiño”, facendo fincapé en que nas pasadas eleccións municipais xa obtivo bos resultados e que ao longo deste mandato se traballou para conseguir novas alcaldías.
“Superaremos ao Partido Popular na provincia de Lugo”, afirmou referíndose aos resultados da vindeira cita electoral do 28 de maio. En relación á Deputación de Lugo, manifestou que seguirá cun Executivo socialista á fronte, “un Goberno de progreso, liderado polo Partido Socialista, que é o mellor que lle pode ocorrer á provincia de Lugo”.
“Vamos gañar para que gañen os 67 concellos”
Tomé Roca sostivo que o PSOE se presenta ás municipais cos mellores candidatos e candidatas para cada un dos concellos e para o conxunto da provincia. “Falar de socialismo é falar de proximidade cos veciños e veciñas, de capacidade de xestión, de defensa dos servizos públicos, de promoción da economía e da aposta polo rural para que teña futuro”. Deste xeito, asegurou o líder dos socialistas na provincia, “vamos gañar para que gañen os 67 concellos da provincia de Lugo en servizos, en mobilidade, en emprego, en calidade de vida e en benestar”.
Unhas eleccións con voz de muller
“A provincia de Lugo necesita máis socialismo porque o socialismo significa avanzar, progreso, futuro e igualdade”, incidiu José Tomé, quen destacou o “fito histórico” do liderado de mulleres nas listas do partido, con 24 candidatas, o 36% do total, a porcentaxe “máis alta das provincias galegas e probablemente do conxunto do Estado”.