Tomé cualifica de “bazofia política” o pacto entre Claudio Garrido e o PP en Sarria

O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo e presidente da Deputación, José Tomé Roca, arremeteu contra o acordo alcanzado entre o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o Partido Popular, que definiu como “a maior bazofia política da historia de Sarria”. Tomé asegurou que se trata dun pacto “que só busca arranxar os problemas persoais tanto do alcalde como do PP, dándolle as costas aos problemas reais do municipio”. O dirixente socialista estivo acompañado pola vicesecretaria xeral e secretaria de organización provincial, Pilar García Porto, polo deputado provincial Pablo Rivera e por outros compañeiros e compañeiras de Sarria.
O secretario xeral acusou ao PP e a Garrido de enganar e desprezar á cidadanía. “Escenificaron unha gran mentira ao pobo de Sarria, unha burla aos votantes. Estes teóricos 15 puntos do acordo agochan a letra pequena: son un canto ao sol, porque non son executables cando queda pouco máis dun ano de mandato”, afirmou.
Tamén felicitou aos concelleiros que rexeitaron participar no pacto, destacando que “máis da metade tivo a dignidade política de negarse a ser cómplice desta farsa”. Ademais, apuntou que “no propio PP hai unha grande división interna, porque este acordo só responde ás ambicións da súa presidenta, que afortunadamente non as vai lograr”.
Tomé puxo como exemplo o precedente de Viveiro, lembrando que “anunciaron investimentos millonarios e a realidade foi unicamente unha subida de soldo á alcaldesa”. Advertiu ademais que varios compromisos do documento xa foran anunciados e incumpridos no pasado, mentres que outros dependen doutras administracións, polo que considera imposible que se materialicen. No caso das estradas, alertou de que se o Concello asume vías que son da Xunta, a súa conservación e mantemento recaerán nas arcas municipais, o que cualificou como “un mal negocio para Sarria”.
O líder socialista criticou a falta de rigor no texto, “sen prazos nin cifras económicas, porque saben que non se pode cumprir”. Recordou que xa no pasado prometeran unha residencia e un polígono industrial “que nin empezaron nin van empezar”, polo que insistiu en que este acordo é “outra mentira máis, a maior bazofia política da historia de Sarria”.
Tamén acusou a Garrido de “traizoar aos seus votantes” ao pactar co PP. “Se quixeran votar ao PP xa o farían. Claudio vendeuse politicamente, entregando aos veciños e veciñas de Sarria, demostrando que usa a política unicamente para beneficio propio”. Engadiu que o rexedor está agora “no mesmo papel que criticaba en Sabela Caldas”, a quen no pasado acusara de actuar contra os seus electores.
Finalmente, Tomé asegurou que a maior parte dos votos de Garrido proceden da esquerda e expresou a súa confianza en que esa base electoral volverá apostar pola alternativa progresista. “Hoxe ábrese unha nova etapa en Sarria, que debe rematar co mercadeo e a inestabilidade para poñer o Concello ao servizo da veciñanza. O PSdeG-PSOE vai seguir traballando máis que nunca por Sarria para limpar o concello”, concluíu.