Tomé defende en Lugo a suba da retribución dos pensionistas na provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Tomé Roca subliñou que a suba das pensións nun 8,5% aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez beneficia ós 113.849 pensionistas lucenses.
rolda de prensa valoracion pensions
28 Jan 2023

“Temos 113.849 pensionistas, o que equivale ó 35% da poboación total da provincia. O Goberno subiulles a pensión un 8,5%, conforme ó IPC, o que supón que un pensionista medio cobrará uns 77€ máis ó mes, situando a pensión media nuns 914€”, dixo.

O Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este venres que a suba das pensións nun 8,5% conforme ó IPC aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez beneficia ós 113.849 pensionistas lucenses, é dicir ó 35% da poboación total da provincia.

Tomé Roca fixo unha valoración moi positiva desta medida, que saíu adiante “a pesar do Partido Popular, que votou en contra”. “Polo tanto, os pensionistas da nosa provincia e de todo o país, non verían incrementadas as súas prestacións se dependera do Partido Popular ou se estivera gobernando”, recalcou.

O Secretario Xeral dos socialistas da provincia fixo estas declaracións durante a rolda de prensa que ofreceu na sede do partido en Lugo para valorar o impacto na provincia da revalorización das pensións aos lucenses, xunto á Secretaria de Organización do Partido Socialista na provincia, Pilar García Porto; o senador César Mogo, e os deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro.

José Tomé explicou na súa intervención, diante dos medios, as cifras concretas da provincia de Lugo. “Temos 113.849 pensionistas, o que equivale ó 35% da poboación total da provincia. O Goberno subiulles a pensión un 8,5%, conforme ó IPC, o que supón que un pensionista medio cobrará uns 77€ máis ó mes, situando a pensión media nuns 914€”.

“Co 0,25% do PP tardaríamos 34 anos en chegar a esta suba”

“Polo tanto, os pensionistas da nosa provincia cobrarán practicamente 1.100€ máis ó ano. Se se aplicase o 0,25% que aprobou o PP con Rajoy cando gobernaba no ano 2013, a suba para os pensionistas lucenses non chegaría nin ós 4 euros ó mes e  tardaríamos 34 anos en alcanzar o 8,5% que o Goberno que preside Pedro Sánchez aumenta neste 2023”.

Nesa liña, resaltou tamén o importe que dedica o Goberno de Pedro Sánchez no ano 2023 ás pensións na provincia de Lugo “xa que supera os 104M€”. “Unha proba máis do compromiso deste Goberno coa nosa provincia, despois dos longos anos de esquecemento e de desprezo dos gobernos de Rajoy”.

Exemplos de subida nos concellos da provincia

O dirixente socialista citou a modo de exemplo a suba de pensión en diferentes concellos da provincia. Como por exemplo en Chantada que é de 62€ máis ó mes, 868 ó ano e 2,5M máis de incremento anual na partida das pensións. En Antas de Ulla, a suba media será de 56€ mensuais, 784 ó ano, e no conxunto os veciños percibirán 627.000€ máis. Monterroso recibirá 1,05M€ máis, cunha suba anual media por pensión de 840 euros, 60 euros máis ó mes.

Na Mariña, en Viveiro, a pensión media subirá 86€, 1.204 euros máis ó ano, cun total de 5,5M€ máis para os pensionistas da cidade. En Burela, 95€ máis ó mes, 1.330 ó ano, e 3,5M€ máis na economía dos veciños. No caso de Foz, o incremento é de 83€ mensuais, 1.162 euros máis ó ano de media por pensionista, e 3,6M€ máis ó ano no conxunto da renda do municipio. En Trabada, serán 58 euros máis ó mes, 812 ó ano e 439.000 euros de incremento total.

Na Fonsagrada, a suba será de 57 euros ó mes, 798 euros máis ó ano, cun incremento total das prestacións de 1,3M€. En Becerreá serán 65 euros máis ó mes, 910 máis ó ano na pensión media, e o incremento total será de 1,04M€.

Vilalba percibirá 4,8M€ máis ó ano, cunha suba da pensión media de 65 euros ó mes, é dicir, 910 euros máis ó ano. En Guitiriz, a pensión media medra 61€ ó mes, 854€ ó ano, e os pensionistas perciben no conxunto 1,8M€ máis.

A Pastoriza recibirá 951.000 euros máis, cunha suba anual media de 756€, 54€ máis ó mes. En Sarria, a suba total anual será de 4M€, 952 euros máis ó ano de media, 68 euros máis ó mes. En Láncara, con menos veciños, as cifras de incremento son de 59€s ó mes, 826 euros máis ó ano e 892.000 euros de incremento anual nos recursos mobilizados neste concello. Monforte de Lemos recibirá en conxunto 5,8M€ máis ó ano, cunha suba media anual por pensión de 1.064 euros, 76 euros máis ó mes.

“Afortunadamente para os nosos maiores e para o conxunto da cidadanía, o PP xa non goberna. Esta crise derivada dos efectos da pandemia e da guerra de Ucraína non a está xestionando un PP que votou en contra de practicamente todas as medidas de protección das familias e da economía. Un PP que na anterior crise, recortou servizos esenciais, como a Sanidade pública –que tivemos que recuperar os socialistas-, recortou os dereitos dos traballadores, subiu impostos de maneira xeneralizada, rescatou ós bancos e fixo unha amnistía fiscal para os defraudadores. Aínda hoxe estamos pagando as consecuencias desa nefasta xestión”, insistiu.

“Feijóo anda perdido en Madrid”

Tomé Roca aludiu tamén aos paos de cego de Núñez Feijóo en Madrid. “Dende que comezou o ano, o PP anda un pouco perdido. Ten unha certa gracia que Feijóo propoña, entre outras cousas, democratizar a TVE. Supoño que non o fará seguindo o modelo da cadea pública galega. E o de que goberne a lista máis votada, pois como en Ourense, ¿verdade?. En fin, fronte á falta de coherencia, o despiste, o retroceso e as promesas baleiras do PP, os socialistas, o Goberno socialista, segue facendo o que facemos sempre os socialistas nas institucións: poñer á xente no centro da nosa acción de Goberno.

O Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo dixo que as políticas económicas e os Orzamentos deben ter unha función social. “Deben conformar un escudo social que ampare a quen máis o necesita para non perder poder adquisitivo e para afrontar esta complexa situación económica derivada da guerra. Por certo, o PP critica sempre as pensións en termos da gasto. Segundo eles, dedicar máis cartos a garantir o poder adquisitivo de quen pasou a vida traballando é un “gasto”.

“Eu diría que unha pensión digna é, ante todo, un dereito. E tamén, xa que logo, un investimento, un xeito de manter a actividade económica. Mesmo o PP ten unha visión anticuada dos nosos maiores. ¿Que pensan?, ¿que gardan os cartos debaixo do colchón?. O  consumo dos maiores é fundamental en sectores como a alimentación ou a hostalaría. Tamén en moitos produtos asociados coa terceira idade. Os maiores axudan moitas veces ós fillos na crianza dos netos”, explicou.

Unha medida xusta

Por último, sinalou que “garantir que os maiores manteñen o seu nivel de consumo é favorecer o dinamismo e a recuperación da nosa economía, especialmente no rural, que é tan importante para a provincia de Lugo”. “As pensións baixas tamén baleiran o rural. Polo tanto, a subida das pensións é unha medida xusta dende o punto de vista social e eficiente dende o punto de vista económico, que ten un impacto moi positivo para os 67 concellos da provincia de Lugo, polas súas características demográficas, e tamén para o conxunto de Galicia e de todo o país”.

0.10037279129028