Tomé presentou os orzamentos do 2025, que ascenderán a 130 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Plan Deputación de Cooperación cos Concellos sube ata os 22 millóns de euros e increméntase nun 19% as partidas destinadas ás actividades estratéxicas na economía e no emprego
orzamentos-deputacon
19 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou este martes que os orzamentos da institución provincial para o ano 2025, que superan os 130M€, “servirán para reforzar o noso proxecto de progreso social e económico para a provincia”. Así o destacou na conferencia de prensa de presentación dos presupostos, que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos xunto ao vicepresidente, Efrén Castro, a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López; a deputada de Réxime Interno, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández.

Concretamente, o orzamento consolidado –da propia Deputación e do Consorcio, que a entidade provincial financia ao 50%- ascende a 130.402.892,23 euros, o que representa unha subida dun 11,93% con respecto ao deste ano, grazas ao incremento dos fondos do Estado.

José Tomé explicou que “o noso proxecto está centrado en achegar os servizos públicos a todos os veciños e veciñas da provincia e tamén en promover a actividade económica. Dous factores que son esenciais para contribuír a fixar poboación”. E informou que o vindeiro martes, 26 de novembro, serán sometidos a debate e aprobación do Pleno para que poidan entrar en vigor, “coma sempre desde que eu son presidente”, a primeiros de ano, “porque é a maneira de que sexan verdadeiramente útiles”.

Uns orzamentos que, segundo valorou, continúan sendo “sociais, investidores e claramente expansivos”, porque soben o capítulo de investimentos reais en case un 16% -pasando dos 16,5 millóns de euros deste ano aos máis de 19,14 millóns do 2025-, e o de Transferencias Correntes en preto dun 14%, ata os 17,8 millóns. E fixo fincapé en que o ano pasado “executamos máis do 87% do orzamento de gasto, un nivel que nos sitúa á cabeza das administracións locais de toda España”.

Reforzo da rede de protección social

“No ano 2025 reforzamos o peso específico das políticas sociais”, sinalou O presidente, que destacou un incremento de 3,2 millóns de euros respecto ao 2024 para acadar un investimento de 41,2 millóns. Unha cantidade que representa “practicamente un terzo do total do orzamento”, incidindo na idea de que as políticas sociais “nos definen como Goberno e son un sinal de identidade desta Deputación”.

Explicou que 11 millóns irán destinados aos Centros de Atención a Maiores. “Para manter as 9 residencias que temos en servizo -en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- e para continuar avanzando nos proxectos que como institución temos con outros 9 concellos”. Nese sentido sinalou que “traballamos co compromiso de abrir neste mandato as residencias de Becerreá, Guitiriz e da Pontenova, que agora mesmo están en obras e tamén está en marcha a construción do centro da Pobra do Brollón”. Ademais, destacou que a Deputación continúa traballando nos proxectos de Ourol, Cervantes, Pantón, Portomarín e Folgoso do Courel. E lamentou que todo o estea a facer a institución provincial, “sen apoio da Xunta de Galicia que é quen ten as competencias e tamén os recursos”. Puxo en valor que as residencias en marcha atenden a 300 persoas e crean en torno a 230 postos de traballo directos.

A maiores, a Deputación continuará financiando cunha achega de entorno a 3,4 millóns de euros o Servizo de Axuda no Fogar dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes –todos menos a capital- e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas. Ademais, a Deputación dedicará en torno a 1,3 millóns ao tecido social vinculado co terceiro sector, que traballan contra a pobreza e a exclusión social.

O presidente detallou que as políticas de emprego contarán no 2025 con 4 millóns, co obxectivo de favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación. E as partidas destinadas a financiar o ensino público contarán con preto de 3 millóns; un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación –o único público desta rama que hai na provincia- e tamén para continuar sendo a institución provincial que máis recursos achega á Universidade pública.

Un 21% dos fondos para mobilidade

A mellora da mobilidade centra outro dos grandes piares dos orzamentos para o ano 2025, “e por iso destinaremos ás estradas máis do 21% do total do presuposto”. Incrementaremos, ata os 27,31 millóns as partidas de obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil”, o que segundo explicou Tomé Roca, “suporá subir estes apartados en máis dun 42% respecto ao 2024, cando destinamos 19,4 millóns. de euros”. E destacou que no momento en que chegou á Presidencia da Deputación, no 2019 “as partidas para estradas sumaban algo máis de 14 millóns, polo que estamos falando de que en apenas 6 anos duplicamos o investimento”.

Fixo referencia ao enorme reto que ten a Deputación en materia de estradas, “coa rede provincial máis extensa de todo o Estado español, con 4.217 quilómetros” e a importancia que teñen unhas boas comunicacións para o equilibrio territorial. “E sigo reivindicando, porque me parece de xustiza, que a Xunta de Galicia asuma a titularidade de vías con características claramente autonómicas, como a que une Momán, no concello de Xermade, e As Pontes, ou o cinto comarcal de Lugo”.

Plan Deputación

A cooperación cos concellos “seguirá vertebrando toda a acción de Goberno, porque case todo o que facemos é cooperación cos concellos. De feito, temos acuñado que a Deputación é Concello dos concellos porque é a mellor forma de ser útiles á cidadanía”, resaltou José Tomé. Explicou que no ano 2025, a Deputación destinará máis do 20% do orzamento á cooperación cos concellos, “xa só ao Plan Deputación destinaremos 22 millóns de euros”, que se repartirán “seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”. “E mentres, o Goberno galego segue sen ter un plan destas características”, sinalando que a iniciativa máis parecida da Xunta, o Fondo de Cooperación Local, supón o 1,1% do total do seu orzamento.

Recordou que a Deputación tamén coopera cos Concellos con outras actuacións como o proxecto Impulsa TIC, “a punto de completarse”. Unha liña dotada con 4,5M€ de fondos europeos, e grazas ao que a Deputación proporciona de maneira gratuíta servizos e equipamentos tecnolóxicos aos 52 concellos que decidiron adherirse para avanzar na transformación dixital da administración. Tamén lembrou que a Deputación aforra miles de euros aos concellos prestándolles asistencia técnica cando así o requiren.

Máis peso para os sectores produtivos e unha granxa de Porco Celta

O apoio da Deputación aos sectores produtivos increméntase en case un 19% respecto ao 2024. As partidas destinadas no Orzamento 2025 ás actividades estratéxicas na economía e no emprego, como o sector primario, o comercio, a hostalaría e o turismo suman 13,4 millóns.

No caso do sector primario, a Granxa Gayoso Castro, referencia en políticas públicas de apoio á gandería, conta cun orzamento de máis de 2 millóns. E segundo recordou o presidente, “para o próximo ano impulsaremos a construción dunha granxa de Porco Celta na finca Gayoso Castro cun investimento superior ao millón de euros”. O obxectivo será “recuperar” esta raza autóctona e a “transferencia do coñecemento como axuda ao sector”.

Sinalou ademais que esta nova dotación creará novas oportunidades formativas no Campus Terra para os Graos en Veterinaria e Enxeñería Agrónoma, “ofrecendo espazos modernos para a formación e a innovación e axudando á Facultade de Veterinaria a superar a avaliación que vai ter o próximo ano, para que se manteña nas primeiras do mundo do ránking de Shangai”.

As accións vinculadas co turismo contarán con 3,3 millóns “coas que seguiremos traballando para consolidar o noso modelo de turismo. Un turismo de calidade, sostible e de experiencias que achegue valor ao territorio”. Nese sentido, destacou “o bo ritmo” das obras do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, “que será o vindeiro ano unha realidade e que estará acabado antes do verán”. Tamén anunciou que potenciará o programa Lugo Termal con máis prazas, pasando das 1.300 ás 1.700 e coa posibilidade de ampliar un 20% máis, “co que superaríamos as 2.000”; as visitas gratuítas da cuarta edición do Coñece a túa provincia; e as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que superaron este ano o récord con 61.000 viaxeiros e contarán cun orzamento de máis de 925.000 euros.

Por último, os recursos vinculados coa área de Medio Ambiente -que suman 3,8 millóns de euros- servirán para a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e, ao mesmo tempo, impulsar toda esa riqueza como unha oportunidade de desenvolvemento da provincia. E neste sentido lembrou que a Deputación xestiona as reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucense.

 A Vicepresidencia da Deputación dobra os recursos para desenvolvemento rural e reforza o investimento en infraestururas deportivas e programacións culturais para 2025

O vicepresidente destacou o esforzo conxunto do goberno na dotación do Plan Deputación, que valorou “ como o principal instrumento da Deputación para a cooperación cos concellos, atendendo a criterios públicos e obxectivos como a poboación, a superficie, a dispersión ou o índice de envellecemento, que se dota inicialmente con 11 millóns de euros e que se complementará ata alcanzar os 22 milóns de euros” .

Tamén se referiu ao compromiso do goberno provincial “co funcionamento e a ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros co que”, recordou, “a Deputación de Lugo está a soster unha rede pública para o coidado das persoas maiores no rural, que trata de paliar o abandono da Xunta de Galicia, que ten as competencias nesta materia”

Apoio ao tecido asociativo

No relativo as áreas xestionadas polo BNG, o vicepresidente sinalou como elemento transversal o desenvolvemento de programas propios que chegan a todos os concellos e o apoio ao tecido asociativo, destacando que as áreas da Vicepresidencia da Deputación suman 5,5 millóns de euros destinados ao tecido asociativo vinculado á cultura, ao deporte e á actividade agrogandeira ou de conservación do patrimonio rural”

Efrén Castro estimou en máis de 800 colectivos os que recibirán axudas directas para desenvolver iniciativas que van desde o ámbito sectorial ata as iniciativas locais, e que contribúen á dinamización económica, social e cultural dos concellos en que actúan. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de traballar cos distintos sectores, desde a confianza e a colaboración, para promover a participación social.

Rural

O vicepresidente da Deputación de Lugo puxo en relevo o reforzo da área de Rural, xestionada polo deputado Daniel García, que dobra o orzamento con respecto a 2024 e que contará con 3 millóns de euros.

“É unha área de traballo que empezou a configurarse en 2019, e que con esta inxección de orzamento se consolida na estrutura da Deputación. Entendemos que é o que corresponde nunha provincia na que o sector primario ten unha importancia estratéxica, tanto a nivel económico como social e medioambiental”, apuntou Efrén Castro, que destacou o carácter pioneiro de iniciativas posta en marcha desde esta área ao longo destes anos como o fprograma de fomento da gandería extensiva “O que non arde” ou o de visitas escolares a granxas e proxectos de emprendemento no rural “Da Escola á Granxa”.

O reforzo orzamentario da área permitirá ampliar a cobertura destes programas, que se traducen en axudas directas aos produtores, e reforzar a colaboración coas asociacións agrogandeiras e de asesoramento, para impulsar vías de comercialización das producions agrarias ou avanzar na profesionalizacion e na formacion do sector ante o reto do cambio climático.

Deportes

O orzamento da área de Deportes contempla 4,6 millóns de euros para fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas. O vicepresidente da Deputación sinalou que esta cifra - que se incrementa en 300.000 euros con respecto á pasada anualidade - converte a área de Deportes no “principal soporte económico para o deporte na provincia, tanto de base e afeccionado como profesional ou semiprofesional”.

Efrén Castro incidiu na necesidade de “coidar e manter un equilibro entre os dous ámbitos, mantendo o apoio aos clubs que compiten nas máximas categorías, que teñen unhas necesidades de financiamento específicas, e o fomento do deporte como actividade física e alternativa de ocio saudable, a través da extensa rede de clubs afeccionados e de base coa que contamos nas distintas comarcas”.

Ademais da colaboración directa co tecido deportivo, o orzamento recolle unha incremento do 30 por cento nas partidas destinadas a mantemento, subminstración de servizos básicos e investimntos nas infraestururas deportivas provincial.

Efrén Castro anticipou que “estes recursos permitirannos continuar co plan de mellora e modernización do Pazo dos Deportes. Neste ano, os investimentos máis importantes realizáronse na dotacion de vestiarios do Anexo e na limpeza e no acondicionamento das paredes exteriores –as dúas obras, a piques de concluír – e de cara ao 2025, marcamos como prioridade unha actuación integral na cuberta do Pazo e a instalación dun equipamento de videomarcador e son central”.

Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística

A área xestionada por Iria Castro manterá as liñas de traballo dos últimos catro anos, compaxinando o desenvolvemento de programacións propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio co apoio ao tecido asociativo.

Os orzamentos para 2025 contemplan 1,5 millóns de euros - 400.000 euros máis que en 2024 - para a actividade organizada pola propia área, con circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa de difusión da música tradicional e popular Tradigalu, ciclos de cine ou actividades vinculadas á ilustración e ao muralismo, que chegan a todos dos concellos.

Efrén Castro destacou como prioridades “a contratación de creadores e creadoras locais, para que o investimento contribúa ao fortalecemento e á profesionalización do sector cultural” e “a promoción da lingua”.

Dentro da estrutura da área de Cultura, a Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que contan cun orzamento global de 3,65 millóns de euros – 400.000 euros máis que en 2024- para atender a retribución do persoal, o funcionamento e mantemento dos propios edificios - tres deles bens patrimoniais - e a programación de actividades nos distintos museos.

Artesanía e Deseño e Memoria Histórica

O vicepresidente da Deputación tamén repasou o orzamento do Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2024, que contará con 1,51 millóns de euros, destinados ao funcionamento do propio centro, que alberga un importante patrimonio,e á promocion dos oficios artesáns.

Mantense o investimento da úlitma anualidade para continuar coas liñas de traballo desenvolvidas nos últimos anos, ligadas á formación e a comercialización dos produtos artesáns, e á difusión do patrimonio musical que atesoura a Colección de Instrumentos Musicais, con programacións como Celme de Zanfona.

Os orzamentos de 2025 consolidan tamén unha partida específica para Memoria Histórica, coa previsión de convocar un premio dirixido a fomentar a investigación en relación co golpe de Estado do 36 e coa ditadura franquista.

0.16977787017822