Toño López, de Castro de Rei de Lemos: “O obxectivo é que nos xuntemos e teñamos unha relación próxima”

Jessica Fernández
A Asociación Cultural Castro de Rei de Lemos leva máis de vinte e cinco anos sendo un dos principais motores sociais e culturais da parroquia, no Concello de Paradela. Nun territorio marcado polo despoboamento, o envellecemento da poboación e a perda progresiva de servizos, esta entidade converteuse nun punto de encontro imprescindible para manter viva a relación entre veciños e veciñas. Falamos co seu presidente, que repasa a historia da asociación, a súa evolución, as actividades que desenvolven e as principais necesidades ás que se enfrontan.
A asociación nace impulsada pola iniciativa dun emigrante natural de Val de Mosteiro Vello que residía en Barcelona. Segundo explica o actual presidente, aquel primeiro responsable tiña claro que era necesario organizar á veciñanza e crear espazos de convivencia. “A motivación principal era xuntar aos veciños e facer comidas, sobre todo no verán, aproveitando que a xente volvía de vacacións no mes de agosto”, lembra. Esa comida de socios segue celebrándose hoxe en día e é unha das citas máis importantes do calendario anual.
Desde os seus inicios, a asociación mantivo tamén tradicións simbólicas que reforzan o sentimento de pertenza. Un exemplo é a participación anual no sorteo da lotaría co número 1950, o ano de nacemento do primeiro presidente. “Agora xa non está, pero seguimos o seu legado os 112 socios que somos”, sinala, poñendo en valor a continuidade dun proxecto que pasou de xeración en xeración.
Co paso do tempo, a asociación foi mudando, en paralelo aos cambios demográficos da parroquia. Se nos primeiros anos contaba cun número maior de socios, moitos deles emigrantes retornados ou persoas que residían en cidades como Madrid ou Barcelona, hoxe a realidade é diferente. “Agora a xente que hai é da parroquia, de fóra da parroquia e tamén doutros municipios, como Sarria ou O Saviñao”, explica o presidente. A apertura a outros concellos foi unha resposta necesaria a unha evolución que define como negativa.
O despoboamento é, segundo recoñece, o principal problema ao que se enfrontan. “Todos os anos pecha unha casa porque cando a persoa falece, casa pechada. Están quedando aldeas deshabitadas cada mes”, afirma, alertando dunha realidade que se repite en moitas zonas rurais de Galicia. As cifras falan por si soas: “Antes eramos 365 veciños en Castro de Rei de Lemos, hoxe somos menos de 100”. Esta perda de poboación ten un impacto directo non só na vida diaria, senón tamén na participación nas festas e actividades culturais.
A pesar destas dificultades, a asociación mantén claros os seus obxectivos. O principal, segundo destaca o presidente, é favorecer a relación entre a veciñanza. “O que buscamos é que nos xuntemos e teñamos unha relación entre veciños próxima”, explica. Nun contexto no que as relacións sociais xa non se constrúen como antes, a asociación funciona como un espazo de reencontro. “Antes nas feiras a intención era coñecerse e falar cos veciños, agora non temos relación máis que cando facemos as nosas actividades”, lamenta.
ACTIVIDADES
Para cumprir ese obxectivo, a Asociación Cultural Castro de Rei de Lemos organiza ao longo do ano diferentes actividades que abarcan tanto o ámbito festivo como o social e formativo. Entre as citas máis destacadas atópanse o Entroido, o Campionato de Tute, o magosto ou a tradicional comida de socios no verán, ademais dalgunha excursión puntual. “É a forma de ter relación entre os veciños”, resume.
Nos últimos anos tamén apostaron pola formación, especialmente orientada ás persoas maiores. Co apoio da Deputación de Lugo puxeron en marcha cursos de informática e de manexo do móbil, así como un curso de baile que contou cunha boa acollida. “Quen máis nos valora é a xente maior que a xente nova”, recoñece o presidente, sinalando unha das eivas do asociacionismo rural: a dificultade para implicar ás xeracións máis novas.
Outro dos grandes retos da asociación é a falta dun local social propio. Castro de Rei de Lemos non conta cunha casa da cultura nin cun centro educativo, malia representar unha terceira parte da poboación do concello de Paradela. “Nunca tivo nada”, afirma con contundencia. Ante esta situación, a asociación viuse obrigada a alugar unha nave en Mosteiro Vello, propiedade dunha persoa allea ao municipio. O alugueiro é posible grazas a unha achega anual de mil euros por parte do Concello de Paradela, aínda que, segundo recoñece, “non chega”.
As axudas doutras administracións son escasas. “Da Xunta non temos axudas”, lamenta, aínda que destaca a colaboración puntual da Deputación de Lugo, que permitiu adquirir unha estufa de pellets para mellorar a climatización do espazo. A dependencia dun local alugado xera unha incerteza constante. “Se este señor vende a nave, quedamos sen local”, advirte.
Por iso, a principal demanda da asociación é a creación dun local social propio. “Creo que sería moi necesario non só para a asociación, senón para toda a parroquia de Castro de Rei de Lemos”, afirma o presidente, convencido de que un espazo estable permitiría organizar máis actividades e fortalecer a vida comunitaria.
A pesar das dificultades, o presidente defende o papel fundamental da asociación na dinamización cultural da parroquia e do municipio. “É moi importante, pero cada vez hai menos xente e menos xente nova”, recoñece. Tras case seis anos á fronte da entidade, admite sentirse saturado e aposta pola renovación. “Gustaríame que aparecese alguén para substituírme, se fose xente nova sería ideal”, confesa.
Mentres iso non ocorre, a Asociación Cultural Castro de Rei de Lemos seguirá adiante, mantendo vivo un proxecto que, desde hai máis de dúas décadas, demostra que a cultura e a convivencia poden ser ferramentas clave para resistir fronte ao abandono do rural. “Mentres poidamos, seguiremos facendo actividades e buscando a alguén que queira seguir promovendo a vida cultural de Castro de Rei de Lemos”, conclúe o presidente, cunha mestura de cansazo e compromiso que resume á perfección o espírito da asociación.