Traballadoras de residencias mobilízanse para reclamar condicións laborais dignas

SarriaXa | ACoruñaXa
A CIG-Servizos organizou protestas na Coruña e en Láncara esixindo melloras salariais e un modelo de coidados público
concentración-CIG-residencia-Láncara
14 Feb 2025

As traballadoras das residencias privadas de Galicia mobilizáronse para reclamar un convenio colectivo que mellore as súas condicións laborais e salariais, así como un modelo de coidados que priorice o benestar das persoas usuarias sobre o beneficio empresarial.

As protestas, convocadas pola CIG-Servizos, tiveron lugar este venres diante da residencia da Pobra de San Xiao, en Láncara, e nunha manifestación que percorreu a Coruña desde a residencia DomusVi da Cidade Vella ata as oficinas da Fundación Amancio Ortega no Obelisco.

As reivindicacións centráronse no desbloqueo da negociación do convenio e na intervención da Consellaría de Política Social, responsable do sector. A CIG xa anunciou novas mobilizacións, incluída unha prevista para o 28 de febreiro na provincia de Pontevedra.

Salarios baixos e sobrecarga de traballo

Desde a sinatura do último convenio (2020-2023), os salarios do sector perderon un 7,8 % do seu poder adquisitivo, xa que as subas pactadas foron inferiores ao IPC. Ademais, co incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), máis do 70 % das traballadoras do sector en Galicia, preto de 12.000 persoas, cobran actualmente por debaixo do mínimo legal.

Á precariedade salarial súmase unha sobrecarga de traballo derivada de ratios de persoal obsoletas. "Non temos tempo suficiente para atender as persoas residentes como merecen. En cinco minutos non se pode asear e vestir unha persoa", denunciou Beatriz Fernández, responsable do sector en Ferrol.

Outro problema engadido foi a recente eliminación da obriga de contar con persoal de enfermería presencial as 24 horas, o que, segundo as traballadoras, provoca que o persoal auxiliar de clínica teña que administrar medicación sen a formación adecuada.

Ademais, as baixas laborais por doenzas musculo-esqueléticas, habituais no sector, non están recoñecidas como enfermidades profesionais, o que penaliza economicamente as afectadas.

Na negociación do novo convenio, a CIG reclama unha suba salarial digna, a redución da xornada laboral, melloras sociais e unha ampliación das coberturas en situacións de incapacidade temporal.

Un modelo privatizado que favorece ás grandes empresas

Na manifestación da Coruña, Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, denunciou a negativa de DomusVi, principal empresa do sector en Galicia, a aceptar melloras laborais. Criticou que a última proposta da patronal, presentada en outubro, foi "de auténtica miseria" e que, desde entón, non houbo avances nas negociacións. Por iso, advertiu que as protestas continuarán e non se descarta unha folga na primavera.

A CIG tamén criticou o modelo de coidados da Xunta de Galicia, que aposta pola privatización dos servizos, o 70 % das residencias son privadas, sen garantir condicións laborais xustas nin unha atención de calidade ás persoas usuarias. "O único que lles importa é que os grandes grupos e fondos voitre sigan facendo negocio", denunciou Naya.

A central sindical leva desde setembro solicitando unha reunión coa Consellaría de Política Social sen obter resposta. "Só se acordan das persoas usuarias para pedirlles o voto, pero non para mellorar as súas condicións de vida", lamentou Beatriz Fernández.

A CIG defende que as residencias, centros de día e demais servizos de atención á dependencia sexan públicos, para garantir unha atención digna e mellorar as condicións laborais do persoal, equiparándoas ás das residencias de xestión directa.

0.1558530330658