Traballo e formación, as claves na Sociedade Deportiva Sarriana
A Sociedade Deportiva Sarriana comeza a tempada de fútbol con ganas e forza, e o primeiro equipo, de 3ª RFEF, xa conseguiu catro vitorias que os coloca 2º na clasificación do grupo 1.
“Imos intentar loitar esta tempada e estar na primeira liña de fogo para xogar, polo menos, os playoff. Hai un gran equipo de profesionais tanto de xogadores como do corpo técnico que dirixe Jaime Paz”, sostén Josito, coordinador do equipo de Sarria.
Por outra parte, con respecto ao sénior B, que se atopa en 3ª FUTGAL, ten como obxectivo ascender a 2ª FUTGAL, ademais de dar continuidade aos rapaces que veñen de categorías inferiores de cara a ir formándoos para chegar ao primeiro equipo. Así, todos os futbolistas do club van pasando de categoría en categoría, de abaixo cara a arriba.
Con respecto aos equipos da canteira, a categoría Infantil, que está en 1ª FUTGAL, ten como obxectivo “manter a categoría”, mentres que na categoría de xuvenil o obxectivo e, polo menos, “xogar a fase de ascenso e intentar volver a Preferente”, estando actualmente 1ª FUTGAL.
“É unha categoría difícil e hai clubs moi competitivos, pero levamos moitos anos de formación e imos pelexar e sobre todo traballar de cara ás posibilidades que temos cos obxectivos que nos marcamos”, argumenta Jose.
Con todo, con máis de 200 nenos que forman parte das categorías máis baixas, e o coordinador sostén que “queremos formar a nivel deportivo e persoal aos nosos pequenos con hábitos e valores, podendo desfrutar á vez que compiten”. Así, din que hai rapaces do xuvenil e sénior B que entraron na dinámica dos adestramentos co equipo de 3ª RFEF.