Trasliste prepárase para unha nova edición da súa comida veciñal con música

A parroquia de Trasliste, no concello de Láncara, xa ten todo listo para celebrar a súa tradicional comida veciñal o vindeiro 13 de decembro, unha xornada organizada en honra a Santa Lucía e que combinará actos relixiosos, encontro social e animación musical.
A programación comezará ás 13:00 horas cunha ofrenda floral no cemiterio parroquial, á que seguirá, ás 14:00, unha misa solemne. Rematado o oficio, celebrarase unha sesión vermú amenizada polo Dúo Dilema, que volverá ao escenario a partir das 17:30 horas para ofrecer a actuación principal da tarde.
A comida veciñal terá lugar ás 15:00 horas e requirirá retirar previamente o ticket correspondente. O menú inclúe xamón cocido, polbo á feira, churrasco, bebida, sobremesa, café, gotas e chupito, cun prezo de 38 euros.
A cita está organizada pola Asociación Cultural Río Pombo e conta coa colaboración da Deputación de Lugo. Desde a organización lembran á veciñanza a importancia de recoller o ticket con antelación para garantir a asistencia.