Traslite acollerá unha xornada sobre as alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas
A parroquia lucense de Traslite acollerá o día 22 unha xornada sobre as alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas.
Durante esta xornada os asistentes serán informados de como será un tractor do futuro, cales serán as súas características e a súa forma de traballar, coñecerán as alternativas existentes do petróleo en aplicacións agrícolas. Haberá un pequeno debate sobre a agricultura, a alimentación e a enerxía que precisan. E dotaráselles de nocións que faciliten e melloren as súas propias experiencias nas súas propias explotacións.
Ademais, para amenizar a xornada haberá dúas interpretacións musicais, unha pola mañá “Muiñeira de Ponte Sampaio” a cargo de Brais Vázquez Bande e Marcos Vázquez e, a segunda, será para clausurar a cita “Airiños Aires” por parte de Iván Martínez Sabio e Brais Vázquez Bande.
Esta xornada está organizada por MUVICLA que viu a luz no ano 2019 como unha iniciativa museística nova e innovadora de carácter familiar, encabezada por Marcos Vázquez Marey.
MUVICLA, Colección Museográfica
Significa “Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria”, está integrado nunha casa de labranza tradicional galega, con máis de 200 anos de antigüidade, onde se producen alimentos para o mercado e o autoconsumo.
Pretende ser a materialización do que unha casa de labranza pode achegar á cultura, ao patrimonio, ao medio, co obxectivo de difundir os valores, as capacidades, o coñecemento e a calidade de vida que ofrece o mundo rural galego.