Triacastela acolle a 6ª Festa do Peregrino o vindeiro 17 de agosto

Triacastela vivirá o vindeiro 17 de agosto unha xornada festiva con motivo da 6ª edición da Festa do Peregrino, que este ano coincide coa celebración en honra a San Mamede.
O programa combinará propostas culturais, gastronómicas e musicais, pensadas para veciños, visitantes e peregrinos que percorren o Camiño de Santiago.
As actividades comezarán ás 11:00 horas cun paseo guiado a cargo de Guido Guía, baixo o título Descubrindo Triacastela, que permitirá coñecer a historia e o patrimonio local.
Desde as 12:00 e ata as 16:00 horas terá lugar unha degustación de produtos mariños dentro da proposta gastronómica Sabor a Mar.
Ás 13:00 horas celebrarase a misa na honra a San Mamede, seguida, ás 14:00 horas, dunha sesión vermú amenizada polo dúo D’ Caché Music. A programación retomarase pola tarde, ás 19:30 horas, co concerto de Emilio Rúa no marco do seu 25 aniversario.
Ás 21:00 horas será o momento da pancetada popular, mentres que ás 22:00 horas actuarán os raperos Saha e Riu. O broche final chegará ás 23:00 horas cunha verbena animada por Tania Veiras e D’ Caché Music, que prolongará a festa ata ben entrada a noite.