Triacastela acolle a presentación do proxecto 'Mulleres que Contan' no GDR Ribeira Sacra-Courel

O Concello de Triacastela foi escenario da presentación do proxecto Mulleres que Contan no ámbito do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel.
Esta proposta, impulsada polos GDRs Deloa, Ribeira Sacra-Courel, Miño-Ulla e Sil-Bibei-Navea, conta coa colaboración da Asociación Cultural Castelo Conta e dispón de financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).
Durante un ano, catro grupos de mulleres de Baroña (Porto do Son), Triacastela, Paradela e Manzaneda participarán en obradoiros dirixidos pola creadora audiovisual Hadriana Casla, nos que se abordarán vivencias e desafíos comúns como o envellecemento, a vida no rural, os sistemas de coidados e a realidade de ser muller.
O actor e produtor Xosé Antonio Touriñán, integrante da Asociación Cultural Castelo Conta, acompaña as presentacións deste proxecto achegando a experiencia previa da iniciativa piloto Mulleres de Castelo, desenvolvida en Culleredo o pasado ano.