Triacastela acolle a visita da Xunta para poñer en valor as casas niño e o seu papel clave no rural

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións de Cabaciña, unha das dúas casas niño situadas no concello de Triacastela. A promotora do servizo é a educadora infantil Lorena García Lebón, que xestiona este recurso pensado para garantir o coidado e atención de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos en contornas rurais con baixa poboación, onde non resulta viable establecer escolas infantís tradicionais.
Durante a visita, Arias salientou que a finalidade principal deste modelo é facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias que residen no rural, ofrecéndolles unha alternativa gratuíta e próxima ao seu fogar. “Queremos que todas as familias teñan no seu entorno un recurso que lles permita compatibilizar os coidados e o traballo, tamén nos municipios máis pequenos”, sinalou.
O financiamento das casas niño realízase mediante unha orde de axudas de carácter plurianual, cuxa resolución xa está aprobada para o período 2025-2028. Estas achegas económicas permiten non só manter o servizo, senón tamén afrontar melloras como a reposición de equipamento, a adquisición de material didáctico ou a execución de obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.
Na comarca de Sarria existen actualmente dez casas niño espalladas polos municipios de Triacastela, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela e Samos. O delegado territorial subliñou que o obxectivo da Xunta é garantir a continuidade desta rede de apoio, que ofrece atención flexible e personalizada a un máximo de cinco menores por centro, con persoal formado e instalacións que cumpren todos os requisitos esixidos.
A Consellería de Política Social e Igualdade destina un total de 2,8 millóns de euros para asegurar o funcionamento das 29 casas niño que operan en 20 concellos da provincia de Lugo, unha rede que suma 145 prazas de atención gratuíta para nenos e nenas de ata 3 anos.