Triacastela acolle unha ruta por miradoiros e a capela de San Mamede que rematará coa Festa do Cocido
O Grupo Xacobeo de Sarria organiza en Triacastela unha ruta polos miradoiros e pola capela de San Mamede, que rematará coa Festa do Cocido.
Esta actividade terá lugar o vindeiro 5 de febreiro e terá un custo de 40 euros para os socios da asociación e de 43 euros para os que non son socios, incluíndo no prezo o trasnporte, a festa do cocido e os seguros.
Con respecto á ruta, sairase ás 8.00 da mañá desde Lugo e ás 8.30 horas desde Sarria para comezala na Capela das Pasantes e percorrer a Serra do Oribio durante once quilómetros.
Esta ruta é de dificultade moderada e pasa por diversos elementos paisaxísticos naturais e arquitectónicos como o castiñeiro senlleiro, a nogueira do camiño vello, a igrexa de Triacastela, os miradoiros de San Mamede, a capela de San Mamede e alvariza e a antiga fábrica da luz.
Despois, terá lugar a Festa do Cocido de Triacastela, que contará con produtos típicos da zona; e para rematar, haberá un baile con Pao da Ferrería.
Para apuntarse a esta excursión, hai que contactar coa asociación no número 609 027 518 ata o 2 de febreiro.