Triacastela acolleu a presentación da publicación 'Oribio. A montaña viva' de José M. Salgado
A publicación 'Oribio. A montaña viva' presentouse en Triacastela nun acto no que participaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o autor do libro, José M. Salgado, e a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias; así como outros representantes políticos dos concellos limítrofes e o alumnado do colexio e as súas familias.
Esta publicación, impulsada pola Xunta de Galicia ten como obxectivo promover os valores ambientais, paisaxísticos e culturais deste espazo natural, tal e como subliñou a conselleira.
Durante o acto de presentación da publicación, Ángeles Vázquez cualificouna como unha “auténtica enciclopedia”, que, a través das fotografías e textos de José Manuel Salgado, permite coñecer o “incalculable valor natural e ambiental” desta contorna que forma parte da Reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
Nesa liña, a conselleira incidiu en que O Oribio é un espazo natural “cunha personalidade singular e propia”, onde se combina a riqueza natural dun hábitat de montaña, que destaca pola súa biodiversidade e o seu interese paisaxístico, con importantes valores patrimoniais e culturais, como, por exemplo, ser unha das primeiras etapas en Galicia do Camiño de Santiago.