Triacastela acolleu a XIII Feira de Artesanía e Produtos cun gran éxito nas actividades

SarriaXa
María José Gómez, pregoeira desta edición, destacou o valor cultural, tradicional e económico desta cita vinculada ao Camiño de Santiago
Feira-de-Artesania-Triacastela-25
29 Sep 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de dar o pregón na décimo terceira edición da Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela, un evento que cualificou como unha auténtica xanela de promoción para o sector agroalimentario galego.

No seu discurso puxo en valor a cultura, as tradicións e a riqueza paisaxística desta localidade lucense, marcada ademais pola súa estreita relación co Camiño de Santiago.

A representante autonómica lembrou que Triacastela foi clave na recuperación de razas autóctonas, xa que a mediados dos anos noventa alí comezou a revitalización do porco celta, ao tempo que se impulsaba a cría de vacas cachenas. Neste senso, destacou que estas iniciativas non só permiten conservar especies singulares, senón que tamén manteñen viva a actividade económica no rural, crean emprego e fortalecen a vida das aldeas.

Gómez subliñou igualmente que a feira é un escaparate de produtos de gran calidade e tradición, que contribúen a dinamizar a economía local e a manter vivas as vilas. O encontro incluíu degustacións gastronómicas con selos de calidade diferenciada promovidos pola Consellería do Medio Rural, ademais dunha food truck de Galicia Sabe A Mar, dependente da Consellería do Mar.

A programación completouse con obradoiros de Artesanía de Galicia e cun taller de cianotipias impartido por María José Martínez e José Carrera, do obradoiro Peixesapop, actividade patrocinada pola Fundación Artesanía de Galicia, vinculada á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

⚙ Configurar cookies
0.090082883834839