Diversas actividades culturais protagonizarán a Feira de Artesanía e Produtos Locais de Triacastela

SarriaXa
Haberá diferentes postos de artesanía e produtos locais para poñer en valor os traballos do municipio
Feira-de-Artesanía-de-Triacastela
27 sep 2024

Triacastela celebra, un ano máis, a súa XII Feira de Artesanía e Produtos Locais o vindeiro sábado, 28 de setembro, que incluirá diferentes actividades durante toda a xornada.

Desta maneira, todas as persoas interesadas poderán visitar os distintos postos nos que se exporán e venderán produtos relacionados coa artesanía e cos produtos locais.

Todo comezará ás 11.00 horas coa apertura dos postos da Feira e a esa mesma hora terá lugar a actuación de Contamaxias na Furgoteca na carpa diante do Concello.

Xa ás 12.00 horas terá lugar a inauguración da exposición Museo Escolar do Patrimonio de Triacastela “o teu pasado, o meu presente”, realizado polo alumnado do colexio de Triacastela, que será na Fonte do lunar.

Pola súa parte, ás 13.00 horas desenvolverase o pregón a cargo de Santiago Soria Carreras, enxeñeiro de Montes, autor do libro 'Apuntes botánicos del Camino de Santiago', peregrino, madrileño de nacimento e veciño da parroquia de Ramil.

Ademais, ás 13.30 horas  haberá un percorrido polos postos da feira. E xa pola tarde, de 18.00 a 19.00 horas terá lugar o concerto Cantigaéverso, de Castro & Welicki.

Con respecto ás demostracións e obradoiros, haberá catro: de 12.00 a 14.00 e de 16.00 18.00 horas estará o de Olería 'Cinza e papel'; de 11.00 a 19.00 horas estará o Obradoiro de remate de xoguetes de madeira; tamén de 11.00 a 19.00 horas estará Eugenio Linares, o escultor con motoserra; e haberá outro no Centro de Interpretación do Ferro na Ferrería da Ponte.

Ademais, contarase coa animación musical por parte do Grupo de gaitas Gaiteiros de Goián e haberá tamén postos de polbo para que poida degustar deste produto as persoas que se acheguen.

0.1730740070343