Triacastela contará coa súa segunda Casa Niño co nome 'Vivarachos' a partir de setembro
O vindeiro mes de setembro abrirá a segunda Casa Niño de Triacastela da man de Jennifer López, unha muller sarriá de 25 anos que conseguiu a autorización da Consellería de Educación para poñer en marcha o proxecto.
Así, a Casa Niño instalarase nunha das aulas do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela ao inicio do vindeiro curso escolar para ofrecer un servizo de conciliación familiar engadido ao que xa proporciona a actual Casa Niño coa que conta o Concello de Triacastela.
Como as demais Casa Niño, Vivarachos, que é o nome que caracterizará a esta nova instalación, contará con cinco prazas gratuítas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos empadroados no Concello de Triacastela, que poderán desfrutar do servizo de luns a venres durante todo o ano, salvo os festivos.
A directora, que fixo un estudo sobre a viabilidade do proxecto, defende que son moi importantes este tipo de iniciativas para fomentar que a xente poida seguir vivindo no rural.
Máis servizos de Triacastela
O Concello de Triacastela é un dos pioneiros en contar co maior número de Casas do Maior en proporción aos habitantes do municipio, xa que conta con tres: Xeroser, Escola de Vilar e Prado.
Grazas a estes lugares, os veciños reúnense para facer actividades de todo tipo para combater a soidade e exercitar as súas habilidades. Así, ao igual que as Casas Niño, as dos maiores contan con cinco prazas cada unha para persoas de máis de 60 anos.
Con todos estes recursos, Triacastela, a pesar de contar só con 629 habitantes, é un municipio que conta con servizos básicos para manter a súa poboación no rural.