Triacastela destina 56.000 euros á mellora dos accesos á ermida de San Mamede

O Concello de Triacastela vén de sacar a licitación un proxecto de acondicionamento do camiño que conecta coa ermida de San Mamede ata o termo municipal de Samos. O orzamento ascende a 56.000 euros e a previsión é que os traballos se executen nun prazo máximo de tres semanas.
A empresa que resulte adxudicataria deberá levar a cabo a varrida do firme xa existente, reparar o pavimento con rego semiprofundo e acometer a poda das ramas que dificulten a visibilidade ou o acceso a vehículos. Tamén será necesario desbrozar os noiros nos que a vexetación invade a calzada e realizar unha limpeza xeral das cunetas.
Esta intervención conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta, dentro do Plan Camiña Rural.
As compañías interesadas en presentar as súas ofertas deberán facelo a través da plataforma de licitación electrónica da Consellería de Facenda. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro día 26.