Triacastela e a Asociación Dante Alighieri asinan un protocolo de colaboración

O Concello de Triacastela e a Asociación Dante Alighieri formalizan este sábado un protocolo de colaboración nun acto institucional que terá lugar na Casa do Concello e que inclúe unha programación cultural centrada na presenza italiana no Camiño de Santiago.
A xornada comezará ás 12:00 horas cunha recepción oficial diante do concello, onde a alcaldesa, Olga Iglesias Fontal, e membros da corporación darán a benvida á delegación italiana.
A rexedora aproveitará o momento para explicar a tradición da recollida da pedra de cal por parte dos peregrinos en Triacastela, nun acto simbólico diante da escultura do Apóstolo Santiago.
A continuación, os participantes trasladaranse á sala-biblioteca “Camilo José Cela”, na planta baixa do edificio municipal, onde se realizará a sinatura no libro de ouro e a firma do protocolo de colaboración entre o concello e a asociación. Intervirán Daniela Sarraino, presidenta da Asociación Dante Alighieri, e a alcaldesa de Triacastela.
O acto culminará cunha conferencia do profesor Benedict Buono, da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, titulada 'Con pan e viño faise o Camiño: A enogastronomía do peregrino italiano a Santiago (do Cinquecento ao Setecento)'. E a xornada rematará cun xantar de confraternidade.