Triacastela inicia o 6 de abril as reunións do Plan Básico Municipal

SarriaXa
As reunións desenvolveranse ata o 14 de abril na Casa Consistorial e os veciños poderán consultar o documento cos membros do equipo redactor
triacastela sinal entrada
27 Mar 2021

Os veciños e veciñas de Triacastela, por parroquias, poderán consultar o Plan Básico municipal, xunto a persoal municipal e membros do equipo redactor do documento, nas reunións que o goberno local promoverá en datas vindeiras, dentro do prazo de exposición pública do proxecto.

As reunións serán na planta baixa da Casa Consistorial, nas seguintes datas:

  • 6 de abril. Triacastela. Horario de 10.00 a 14.00 horas.
  • 6 abril. Balsa. Horario de 16.00 a 19.00 horas.
  • 7 abril. Lamas. Horario de 10.00 a 14.00 horas.
  • 7 abril. Concello. Horario de 16.00 a 19.00 horas.
  • 13 abril. Santalla. Horario de 10.00 a 14.00 horas.
  • 13 abril. Toldaos. Horario de 16.00 a 19.00 horas.
  • 14 abril. Vilavella. Horario de 10.00 a 14.00 horas.
  • 14 abril. Monte. Horario de 16.00 a 19.00 horas.

Independentemente destes encontros organizados polo Concello de Triacastela, as persoas interesadas poden examinar o documento en horario de oficina, con cita previa, e presentar alegacións nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo ou no propio Concello de Triacastela. Así mesmo, tamén poderá consultarse o documento na web da Consellería e achegarse por vía telemática as referidas achegas a través do correo concello.triacastela@eidolocal.es.

O prazo de información pública do Plan Básico de Triacastela é de 2 meses dende a publicación do seu anuncio no DOG, que tivo lugar o pasado día 5 de marzo.

CONCELLOS SEN ORDENAMENTO

Triacastela é, desde o pasado  mes de febreiro, o segundo concello galego de menos de 5.000 habitantes que conta cun Plan Básico de Ordenación Municipal, despois do do Páramo, que contaba con esta ferramenta desde o pasado decembro.

Os plans básicos municipais están pensados para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes que non dispoñen de planeamento xeral, como acontece con Triacastela. Esta ferramenta estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística, que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

0.13972592353821