Triacastela súmase á exposición de Padrozelos
A exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, inaugurouse o pasado sábado día 19 na Fonte do Luar do Capo da Feira de Triacastela. No acto participaron a alcaldesa, Olga Iglesias Fontal; o presidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Xosé María García Palmeiro; o delegado territorial de Lugo da consellería da Presidencia, Gerardo Criado Guizán; o deputado da Área de Participación Cidadá da Deputación Provincial de Lugo, Roberto García Pernas, e o comisario da exposición, o xornalista Luís Celeiro Álvarez.
Esta exposición, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, chega a Triacastela, procedente de Paradela, onde tivo unha “moi boa acollida por parte da cidadanía e da comunidade escolar”. Trátase dunha mostra que transmite e fai visible a importancia da lírica galega na Idade Media. É de carácter divulgativo e itinerante polos concellos da entrada do Camiño de Santiago en Galicia e polas terras do trobador, Martín de Padrozelos. Iniciou o seu recorrido na Antiga Prisión Preventiva de Sarria, o día sete de maio pasado, despois foi a Láncara e agora estará en Triacastela ata o 29 de xuño.