Triascastela celebrará o sábado 5 de novembro o seu tradicional magosto
Un ano máis, Triacastela continúa cos costumes e celebrará o 5 de novembro o seu tradicional magosto no polideportivo do concello.
O acto terá lugar a partir das 21.00 horas e antes, ás 19.00 horas terá lugar a actuación dos Bolechas O Aniversario do Avó, un espectáculo dirixido a público infantil.
Nesta actividade lúdica e didáctica dos Bolechas, o xogo e a diversión combínanse coa aprendizaxe da man dos coñecidos personaxes de Pepe Carreira. Loli, Chispa, Tatá, Braulio, Sonia, Pili e Carlos, Os Bolechas, volven con outra aventura chea de diversión que atrapará ós máis pequenos dende o comezo da función.
Outras actividades
O sábado 5 de novembro, terá lugar tamén no concello de Triacastela o cuarto e último paseo guiado deste ano dentro do ciclo Triacastela Xacobea. Sairá da casa do concello e terá unha duración dunhas dúas ou tres horas.
As inscricións son gratuítas e poderán realizarse enviando un correo electrónico á seguinte dirección: guidoguiaturismo@gmail.com.
A actividade con Guido Guía levará ós participantes unha vez máis por algúns dos puntos máis importantes do Camiño Francés en Triacastela.
Este ciclo de paseos que se enmarcan baixo o nome de Triacastela Xacobea, forma parte dunha iniciativa levada a cabo polo Concello de Triacastela en colaboración coa Xunta de Galicia a través do Camiño Xacobeo. Estes paseos deron comezo en verán cunha colaboración co guía lucense Guido Guía e chegan á súa fin o sábado día 5.